Concello da Coruña

Concello da Coruña

Os 10 mellores plans para facer en familia na Coruña

A Coruña é unha cidade cómoda e acolledora. Nas súas rúas todo queda preto, resulta sinxelo moverse por ela e a oferta de lecer e cultural sempre está a se actualizar. Por iso, este é un destino ideal para a túa próxima escapada en familia.

Dende experiencias únicas en museos, ata actividades deportivas ou outras máis culturais, na Coruña hai opcións para grandes e pequenos. Estas son as nosas recomendacións dos 10 mellores plans para facer na Coruña con nenas e nenos:

Pasar un día de entre ondas e area

Se nos visitais durante os meses de máis calor, un plan perfecto é un día en familia na praia. Divertídevos xogando coas ondas, botando unha partida ás pas ou construíndo castelos de area na beira. Na Coruña tedes moitas praias ao longo de toda a península para elixir, pero recomendámosvos dúas polo seu ambiente máis familiar: a praia de Riazor, en pleno centro da cidade, e a do Areal ou Lapas, xusto á beira da Torre de Hércules.

Visitar o Aquarium e vivir unha aventura coas focas

Un dos museos máis queridos na Coruña é o Aquarium Finisterrae. Esta é unha parada obrigatoria en calquera visita á nosa cidade e as propias familias coruñesas acoden a este museo de forma regular.

No Aquarium, ademais de visitar as súas múltiples salas expositivas, poderedes ver moi de preto como se lles dá de comer ás focas que viven nas piscinas exteriores. Para participar neste taller de divulgación científica para maiores de 7 anos, que se realiza ata xuño, é necesario reservar as entradas previamente.

Descubrir a cidade polo carril bici

A Coruña tamén é unha cidade para descubrir en familia de forma sustentable e saudable. Aquí hai máis de 45 quilómetros de carril bici que pasan polos principais puntos turísticos da cidade, como o Obelisco, o Castelo de San Antón ou a Torre de Hércules, ademais do paseo marítimo, e que conectan tamén cos barrios.

Ademais, non fai falta que veñades coa bicicleta ao lombo. Na cidade atoparedes múltiples opcións de alugueiro de bicicletas.

Dar un paseo nos Cabaliños dos Xardíns

Ademais de en bicicleta, hai outra forma de descubrir un dos lugares máis emblemáticos da cidade sobre rodas. Trátase dos Cabaliños dos Xardíns que atoparedes nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez. Un clásico das infancias coruñesas, estes coloridos cabaliños funcionan a pedais e percorren o tramo dos xardíns entre o edificio da Terraza e o Palco da Música nos períodos vacacionais, pontes festivas e fins de semana.

Ir ás naves do Metrosidero

Moi preto da zona vella atópase un dos lugares de moda para a mocidade coruñesa. Trátase das Naves do Metrosidero, un recinto que é xa un punto de encontro para a xuventude a partir de 12 anos con instalacións que albergan talleres, espectáculos e mesmo un parque de skate e unha zona de escalada.

Voar papaventos na Torre de Hércules ou no Monte de San Pedro

A Coruña é unha cidade na que é frecuente que haxa días de fortes ventos. Pero lonxe de ser un inconveniente, esta é a oportunidade perfecta para facer unha das actividades favoritas das familias coruñesas: voar papaventos.

Os mellores lugares para gozar desta actividade en familia son o parque xunto ao CIAV da Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo aínda en funcionamento, ou o Monte de San Pedro, alén da baía e que esconde outro planazo en familia.

Intentar saír do labirinto do Monte de San Pedro

No mesmo parque do Monte de San Pedro teredes unhas vistas espectaculares sobre A Coruña. Tamén poderedes saborear a gastronomía coruñesa nun restaurante Estrella Michelín, pasear polos seus máis de 90.000 metros cadrados de natureza ou ver de preto os canóns Vickers.

Pero o plan máis divertido non é probablemente ningún destes. O Monte de San Pedro alberga tamén un precioso labirinto de estilo inglés. Atrevédesvos a intentar saír del?

Ir a un partido do Dépor ou do Liceo

Se sodes unha familia deportista, nos vosos plans de viaxe á Coruña non poden faltar unhas entradas para un evento deportivo. Durante todo o ano a cidade acolle distintas competicións, desde algunhas regulares ata torneos e campionatos de nivel autonómico, nacional ou mesmo internacional.

Entre os máis clásicos está ir ver un partido de fútbol do Dépor e ser un máis na marea branquiazul, no histórico estadio de Riazor no caso do equipo masculino, ou en Abegondo, co feminino. Outro bo plan é acudir a un encontro do Liceo, un dos mellores equipos de hóckey de España en categoría masculina, ou do Hóckey Club Coruña Feminino, que compite na OK Liga.

Divertirvos no Parque de Bens ou no de Eirís

Outro dos espazos naturais preferidos polos nenos e nenas da Coruña é o Parque de Bens . Con máis de 60 hectáreas, aquí contades con 13 quilómetros de carreiros para percorrer, unha estupenda zona de xogos infantís con xogos adaptados a nenas e nenos con discapacidade e unha área de lecer con mesas e cadeiras, ideal para un picnic.

Por outra banda, o parque infantil de Eirís é un dos máis completos da cidade. Aquí atópase unha tirolina dobre e tobogáns para deslizarse pola ladeira nun desnivel natural do propio parque. Ademais, moi preto tedes unha das múltiples pistas de skate da cidade.

Marineda City para nenos e nenas

Por último, cerramos esta proposta de plans en familia desde Marineda City. Este centro comercial, un dos máis grandes de España, ten moito máis que tendas e espazos de restauración.

As súas salas de cinema Cinesa, os karts do Karting Marineda, o seu salón de birlos, as súas recreativas ou a zona Marineda Kids dedicada aos máis pequenos son unha alternativa estupenda de lecer en familia.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión