Hoxe en día na maleta de calquera persoa viaxeira non pode faltar a súa cámara de fotos. Desde o da réflex, a mirrorless, a analóxica ou mesmo a do móbil, calquera obxectivo é bo para facer dunha viaxe un álbum de recordos.
Ademais, na Coruña calquera recuncho préstase a ser fotografado. A tímida luz do sol séntalle xenial a esta cidade, na que os edificios falan por si mesmos e os recunchos naturais relocen ante a cámara. Pero para que vaias a tiro fixo (ou disparo fixo), contámosche cales son os mellores puntos da cidade para unha sesión de fotos e os que son de visita obrigada para o teu perfil de Instagram:
Xanela ao Atlántico + O Portiño
Comezamos moi preto do mar, na Xanela ao Atlántico, un particular monumento que atoparás nun dos extremos dos 13 quilómetros do paseo marítimo coruñés. Construído en granito e imitando a forma dun Ara Solis, esta escultura será o marco perfecto para encadrar unha foto única do horizonte atlántico.
Ademais, este é un lugar estratéxico para gozar dunha posta de sol que te deixará sen alento. Aínda que se o que prefires é gozar da hora dourada xunto a unha Estrella, recomendámosche que sigas por este mesmo camiño cara ao Portiño. O bar que aí se atopa é un dos segredos mellor gardados de coruñeses e coruñesas, e outro lugar que non pode faltar na túa listaxe de sitios por fotografar na Coruña.
O balcón do xardín de San Carlos
Se buscas unhas vistas espectaculares sobre o porto coruñés, o lugar ao que tes que ir é o balcón do xardín de San Carlos. Este pequeno espazo verde é un remanso de paz e un lugar con moito encanto, no que os olmos centenarios son protagonistas.
Despois de pasear entre o seu arboredo e fascinarte coa tumba de Sir John Moore, aconsellámosche que vaias ao balcón que se atopa nun dos extremos. Dende aí terás o encadre perfecto para fotografar o Castelo de San Antón, ver practicamente todo o porto coruñés e mesmo capturar a chegada de barcos e transatlánticos.
Porta de Aires
Seguimos por un clásico da Coruña, no que calquera instantánea lle fai a competencia a Notting Hill ou á illa de Burano. Falamos das escaleiras de Porta de Aires, unha estreita rúa que penetra na Cidade Vella dende un dos laterais da praza de María Pita.
A maxia deste encadre está na combinación entre os edificios de cores a ambos os dous lados da escaleira e parte do edificio que acolle o Concello da Coruña, de estilo modernista de principios de século. Situándote na parte superior das escaleiras lograrás un encadre moi simétrico que parecerá sacado dunha película de Wes Anderson.
Os museos científicos
Ciencia e fotografía nun mesmo lugar? Na Coruña non tes un, senón tres incribles museos científicos nos que sacar instantáneas únicas que non poden faltar no teu perfil de Instagram.
Unha obrigada é, sen dúbida, a Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Este enorme acuario é o fogar de centos de peixes, entre eles quenllas, e é unha auténtica experiencia que traspasará a pantalla da túa cámara. Outro lugar imperdible é a Domus, un museo interactivo dedicado ao ser humano e que se atopa nun edificio cunha arquitectura única, obra do prestixioso arquitecto Arata Isozaki. As súas escaleiras que practicamente caen sobre a baía coruñesa son o lugar ideal para unha sesión de fotos antes da visita ao museo. Por último, o palacete que é sede da Casa das Ciencias, no alto do parque de Santa Margarida, tamén é un lugar ideal para xogar coas súas distintas perspectivas.
Torre de Hércules
Neste recompilatorio de lugares instagrameables non podía faltar o símbolo da Coruña, a Torre de Hércules. Este faro leva milenios cativando a aldeáns e visitantes e é fácil comprender por que. Desde o amencer ata o mesmo anoitecer, a Torre de Hércules brilla con luz propia.
Cando os raios do sol inciden sobre ela, devolve uns reflexos que fan que a súa pedra adquira matices dourados. Quizais por iso o xenio Pablo Picasso referíase a ela como a 'Torre de caramelo'. E pola noite, o faro non defrauda. A súa luz ilumina A Coruña de maneira intermitente e a súa base ilumínase cuns focos que, no medio da escuridade da noite, fan que pareza que este monumento flota no aire. Ademais, as súas 47 hectáreas de parque, un Espazo Natural de Interese Local, son o lugar perfecto para as persoas afeccionadas á fotografía de natureza.
Monte de San Pedro
Pero ás veces o mellor ángulo da Torre de Hércules atópase na outra esquina da Coruña. O parque do monte de San Pedro é sen dúbida o mellor miradoiro que hai sobre a cidade. Desde aquí terás unha vista panorámica da costa desde Arteixo e verás toda a baía que baña parte da península coruñesa.
O seu labirinto de estilo inglés, os canóns instalados en 1933, ou o restaurante Estrella Michelín son outras das localizacións que non poderás evitar fotografar na túa visita ao monte de San Pedro.
O Parrote e a Mariña
Acabamos este paseo polos lugares máis fotoxénicos da Coruña noutra das iconas da cidade. A zona do Parrote e a Mariña, xunto ao porto deportivo, conta con mil ángulos nos que sacar a relucir a túa creatividade coa cámara. Aquí poderás fotografar os cruceiros que habitualmente chegan á Coruña, así como os veleiros e barcos pesqueiros que están atracados no porto.
Por outra banda, as brancas galerías de cristal son o fondo perfecto para as túas fotos coruñesas. Completa o posado cun xeado das famosas xeaderías da Mariña ou gozando dun café ou unha cervexa nas terrazas cheas de vida que se sitúan debaixo das galerías.
Despois de todas estas recomendacións, terás unha lista completa de lugares que visitar e fotografar na Coruña, pero o mellor consello que che podemos dar é que aproveites a túa viaxe para pasear e perdéreste polas rúas coruñesas. E cando publiques as túas fotografías nas redes, non esquezas etiquetarnos e compartilas co hashtag #VisitCoruna e #ACoruñaesunMUST.