Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cinenterraza 2023: “Cult movies”

Propostas para espectadoras e cinéfilas de todo tipo e condición e para converter un ano máis o vestíbulo do Fórum Metropolitano nun templo do cinema de culto.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 05/07/2023 ata o 27/07/2023

Xa rematou

Horario:

22.30 h

Pídese puntualidade, unha vez comezada a película non se permitirá o acceso á sala.

Enderezo:

Fórum Metropolitano. Rúa Río Monelos 1. 15006 A Coruña

Prezo:

Prezo: 3,00 €

Descontos

Carné Xove, + 65 anos ou persoas desempregadas 2,00 €

Contacto:

forummetropolitano@coruna.gal

Os 11 anos de vida de Cinenterraza no seu formato "Cult Movies", de convidados máis coloquios, fálannos tanto da pervivencia de afeccionados e cinéfilos que seguen buscando a experiencia de ver en pantalla grande clásicos de culto que moitas veces xa non se atopan nin en plataformas, como da animada vida cultural coruñesa. Case 90 artistas convidados pasaron polo ciclo: músicos, actrices, cineastas, pintores, debuxantes, bailaríns, escritoras, fotógrafos... que dan conta do pulso cultural dunha cidade.

Nesta ocasión, comezaremos con Pamela Rodríguez, cantante case recentemente chegada á cidade pero cun extraordinario curriculum no seu Perú natal, coa que falaremos dos personaxes cheos de furia de vida de Wong Kar-Wai en Fallen Angels. Despois, a dramaturga Diana Sieira presentaranos unha das obras inmortais de Chaplin: Luces de cidade, desde a súa experiencia como clown entre moitas outras facetas interpretativas. Logo virá a quenda do artista sonoro Xoán-Xil López, con quen falarei da delicadísima Tous les matines du monde, que conta cunha extraordinaria banda sonora do musicólogo catalán Jordi Savall. E cambiando completamente de terzo, o realizador Dani Viqueira acompañaranos no que quizá sexa a viaxe máis intensa de todas as edicións de Cinenterraza: A matanza de Texas segue tendo a mesma capacidade de impacto que cando se estreou hai case 50 anos. De novo daremos un xiro e achegarémonos a unha das películas máis emocionantes do cinema español da man da actriz Isabel Risco: Verán 1993 de Carla Simón, rodada anos antes de Alcarrás. Co director Santos Díaz presentaremos O diñeiro, última película da carreira dunha figura xa clásica no noso ciclo: Robert Bresson. A actriz e presentadora Saamira Ganay estará presente nunha das sorpresas cinematográficas dos últimos anos: Pig, cun irrecoñecible Nicolas Cage. E o fin de festa farémolo recuperando, da man do fotógrafo Javier Quiroga, á gañadora da última edición do lendario Festival Internacional de Humor da Coruña: Local hero, doce comedia inglesa sobre as cousas importantes da vida.

  • Mércores 5 de xullo. Película: FALLEN ANGELS. Convidada: PAMELA RODRÍGUEZ (cantante). - LOCALIDADES ESGOTADAS
  • Xoves 6 de xullo. Película: LUCES DE CIDADE. Convidada: DIANA SIEIRA (actriz e produtora).
  • Mércores 12 de xullo. Película: TODAS AS MAÑÁS DO MUNDO. Convidado: XOÁN-XIL LÓPEZ (artista sonoro)
  • Xoves 13 de xullo. Película: A MATANZA DE TEXAS. Convidado: DANI VIQUEIRA (director).
  • Mércores 19 de xullo. Película: VERÁN 1993. Convidada: ISABEL RISCO (actriz).
  • Xoves 20 de xullo. Película: O DIÑEIRO Convidado: SANTOS DÍAZ (cineasta).
  • Mércores 26 de xullo. Película: PIG. Convidada: SAAMIRA GANAY (actriz e presentadora).
  • Xoves 27 de xullo. Película: LOCAL HERO. Convidado: JAVIER QUIROGA (fotógrafo).

COLABORA: COCA COLA

VENDA DE ENTRADAS

  • Despacho de billetes da praza de Ourense (excepto festivos): de luns a venres de 11.00 a 15.00 h e de 16.30 h a 19.30 h
  • Despacho de billetes de Fórum: desde media hora antes do comezo da proxección (sempre que queden entradas dispoñibles)
  • www.ataquilla.com

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en