Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

18 de xuño de 2025

O Concello licita por 10,3 millóns de euros a rehabilitación de Santa Lucía, que inclúe o novo centro de saúde

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da saída a concurso dos traballos, que darán resposta a unha das principais demandas do distrito desde hai máis de 15 anos

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a saída a concurso das obras de rehabilitación do antigo mercado de Santa Lucía, unha actuación que suporá un investimento total de 10,3 millóns de euros e que aparella a construción dun novo centro de saúde e dun centro cívico, entre outros equipamentos públicos.

O inicio dos trámites para contratar os traballos permítelle ao Concello avanzar na consecución dun dos principais obxectivos marcados polo Goberno municipal para este mandato, xa que a recuperación do edificio para incluír un novo centro de saúde é unha das principais demandas do barrio da Falperra e o Ensanche, atendendo á necesidade de buscar unha alternativa ao ambulatorio de Federico Tapia.

"Falamos dunha cuestión que se remonta a hai máis de 15 anos. Agora, cumprirémola. E construíndo non só un novo centro de saúde, senón aproveitando ao máximo un edificio que terá usos múltiples, necesarios para o barrio, como o centro cívico", dixo Rey.

Xa a inicios deste mes, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde ao convenio de colaboración coa Xunta e, agora, tal e como se pactou coa Administración autonómica, o Concello saca a concurso as obras de rehabilitación do mercado, que tamén executará.

Desde a posta en marcha dos traballos, 18 meses para a súa execución

A alcaldesa informou esta mañá de que o prazo para presentar ofertas e optar á adxudicación das obras será de 30 días naturais desde que se publique a licitación na Plataforma de Contratación.

Fíxase un prazo de execución de 18 meses desde a posta en marcha dos traballos, "e a nosa intención é que se inicien antes de que remate o ano", avanzou Rey, que lembrou que esta intervención "suporá o investimento máis elevado na Falperra en décadas".

Neste sentido, o Concello conseguiu tres millóns de euros en fondos europeos PIREP para cofinanciar as actuacións previstas coa Xunta.

"O diálogo e a colaboración interadministrativa permitíronnos chegarmos ata aquí, porque entendemos que a rehabilitación de Santa Lucía e a construción do novo centro de saúde son unha cuestión de primeira necesidade que se demorou en mandatos pasados, baixo Gobernos de distintos signos políticos, e que non podía agardar máis", apuntou Inés Rey.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible