Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

20 de xuño de 2025

O Concello presenta o Orgullo Coruña 2025 baixo o lema ‘Aquí, alí, en todos lados’

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou o carácter descentralizado dunha programación con máis de 20 actividades que chegan a cinco barrios e celebran os 20 anos do matrimonio igualitario

O Concello da Coruña deu a coñecer hoxe a programación completa do Orgullo Coruña 2025, que se desenvolverá do 26 de xuño ao 17 de xullo baixo a marca consolidada 'Coruña Orgullosa' e o lema 'Aquí, alí, en todos lados'.

"Queremos visibilizar que as persoas LGTBI están presentes en todos os ámbitos da sociedade e que a nosa cidade é, ante todo, un espazo de seguridade e diversidade", subliñou a concelleira Nereida Canosa durante a presentación.

Este ano a campaña ofrece máis de vinte propostas culturais, formativas e festivas repartidas polos barrios do Ventorrillo, Os Castros, Monte Alto, A Agra e o centro urbano, "para garantir que o Orgullo se viva en cada recuncho da cidade", apuntou a edila. Entre os puntos fortes da programación figura a celebración dos 20 anos do matrimonio igualitario en España.

Este ano a alcaldesa, Inés Rey, presidirá unha recepción institucional no salón nobre para honrar as primeiras parellas LGTBI que oficializaron a súa unión na cidade, para así recoñecer a súa valentía e o seu legado na loita polos dereitos civís.

A programación inclúe tamén a segunda entrega do Premio Tomás Fábregas, instaurado en 2024 para distinguir anualmente persoas ou entidades que sobresaian na defensa dos dereitos LGTBI, e perpetúa a memoria e o compromiso do histórico activista coruñés.

Principais actos da programación

26 de xuño: O Orgullo Coruña 2025 bota a andar cun programa de radio en directo, Xénero, raza e sexualidade, no espazo cultural Galgo Azul, e coa inauguración no Ágora da exposición itinerante Sen Cancelas, que poderá visitarse ata o 17 de xullo.

28 de xuño - Día Internacional do Orgullo LGTBI: A xornada comeza coa Feira das Entidades e a carpa A diversidade visible no Obelisco e continúa no Ventorrillo, onde o Orgullo de Barrio encherá a praza de música, contacontos e actividades durante todo o día. Pola noite, logo de que a manifestación culmine en María Pita coa lectura do manifesto, haberá un concerto de PAVA e o Coro Cores.

1-3 de xullo - Cine con Orgullo: O Campo da Leña convértese en cinema ao aire libre ás 22:00 h, con proxeccións de The Queen of My Dreams, Te separas mucho e unha sesión de cinema galego, todas presentadas polas súas directoras.

7 de xullo - 20 anos de matrimonio igualitario: Recepción institucional no Palacio Municipal ás primeiras parellas LGTBI que se casaron na cidade, homenaxeando o seu papel pioneiro hai dúas décadas.

8, 10 e 15 de xullo - Obradoiros no Espazo Diverso: Tres citas formativas: Nomearnos é existir (narrativa), A túa voz, a túa identidade (logopedia) e Entre corpos (encontro vivencial).

16 de xullo - Orgullo de Barrio Monte Alto: Obradoiro de pandeireta inclusiva, creación dun mural da ilustradora Iria Fafián e entrega da segunda edición do Premio Tomás Fábregas no salón de plenos.

17 de xullo - Clausura: Conversa Falemos do chemsex no Domus, con especialistas en saúde, e actuación acústica de Gael de Papel para poñer o broche final.

A celebración esténdese por toda a cidade para converter rúas, prazas e espazos culturais nun encontro aberto onde reivindicación e festa van da man. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible