21 de xuño de 2025
O Concello responde a unha das principais demandas do barrio de Labañou coa humanización da rúa lindeira á praza. Isto permitirá reforzar a seguridade peonil e crear unha saída natural desde as vivendas para a praza
A vindeira semana arrincarán os traballos de humanización da rúa lindeira á praza da Tolerancia, no barrio de Labañou, unha intervención demandada pola veciñanza da contorna e coa que o Concello integrará paisaxisticamente este percorrido co parque e a área infantil lindeira.
As obras, que suporán un investimento de 90.000 euros, consistirán na creación dunha plataforma única entre as rúas Almirante Romay e Arxentina e mellorarán o tránsito peonil entre a praza da Tolerancia e os edificios con acceso á rúa homónima, un dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey ao abeiro do plan de melloras previsto no distrito.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, razoou que "neste punto do barrio é frecuente o paso de persoas viandantes en dirección ao parque infantil. Estes fluxos de mobilidade achégannos unha idea precisa de onde actuar para reforzar a seguridade viaria e, ao mesmo tempo, darlles un sentido a espazos públicos da cidade que, polo seu incremento de usos ou polos equipamentos da súa contorna, precisan dunha adaptación".
Díaz apuntou que este é o caso, xa que a rúa lindeira á praza da Tolerancia linda con bloques residenciais e portais que agora, con esta peonalización definitiva, contarán cun percorrido natural cara á área infantil e cara ao parque. "Ademais, neste treito non existen garaxes, polo que o impacto para o tráfico rodado e para a veciñanza será mínimo", explicou a concelleira.
O punto de partida das obras, tras as festas de San Xoán
A previsión dos servizos municipais é que as obras arrinquen o vindeiro mércores 25, unha vez que rematen as festas de San Xoán. Será entón cando se inhabilite o paso de vehículos pola rúa.
Os traballos comezarán, previsiblemente, coas melloras previstas nas infraestruturas municipais, que inclúen a reposición dun colector, polo que nos días previos xa se pintará e se sinalizarán os servizos sobre o pavimento.
A intervención, que foi aprobada a través dos Orzamentos Participativos, conta cun prazo de execución duns catro meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento das obras.
29 de xuño de 2025
24 de xuño de 2025
22 de xuño de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible