Cecilia Lavilla Berganza ofrecerá este mércores en Palexco un recital de cancións galegas e francesas
Para público en xeral
28/06/2023
Xa rematou
20:00 h
Palacio de Exposicións e Congresos - Palexco. Avda. Porto da Coruña 1. 15003 A Coruña
A soprano, filla de Teresa Berganza, estará acompañada ao piano por Miguel Ituarte, nun concerto organizado dentro das actividades complementarias da exposición O sorriso de Berganza, que repasa a traxectoria dunha das principais cantantes de ópera, que sempre estivo moi vencellada á cidade da Coruña. A exposición poderá contemplarse na sala do Palexco ata o próximo 25 de xullo.
O recital Cántame no peito, que comezará ás 20.00 horas no Palexco, inclúe obras de Marcial del Adalid, Rogelio Groba, ademais dunha selección das Cancións Xacobeas de Antón García Abril, xunto con outras pezas de Pauline Viardot e Francis Poulenc.
Sempre apoiada por grandes pianistas como Félix Lavilla, Juan Antonio Álvarez Parejo e actualmente Miguel Ituarte, Cecilia Lavilla Berganza interpreta un repertorio de cámara moi enriquecedor, no que inclúe música española xunto con canción francesa, inglesa, italiana, lied e oratorios, con Mozart e Pergolesi especialmente presentes.
O recital forma parte das actividades desenvoltas con motivo da exposición "O sorriso de Berganza", na que se exhiben 50 traxes de escena de Teresa Berganza. O gardarroupa de concerto da mezzosoprano está formado polas indumentarias e modas que a chamada "mezzosoprano do século" levou entre a década dos anos 1950 e a década dos anos 2010. O armario está feito coa mesma dedicación coa que Teresa Berganza coidaba o seu canto e a súa voz. Todo no universo musical de Berganza é extraordinario, incluído o seu armario único.
Desta volta é a primeira ocasión na que se exhibe un conxunto tan grande de modelos de Berganza, a maioría deles non foron xamais mostrados en público desde que a cantante os lucía nas súas actuacións. Son modelos das coleccións de importantes modistas, empregados para cantar en concerto por Teresa Berganza, que foi un paradigma de moda de luxo para o traballo.
Hai expostos 50 modelos de alta costura, costura e prêt-à-porter exclusivo, entre os que resalta o traxe de Christian Lacroix que o modista creou para Teresa Berganza con motivo da inauguración da Ópera de la Bastille de París, que se presenta xunto con seis debuxos orixinais do traxe e un vídeo coa actuación da mezzosoprano interpretando un aria de Carmen de Bizet.
Destaca tamén un modelo de EISA, o que era Balenciaga en Madrid. É un traxe de vestir do ano 1963 en cor rosa que se presenta xunto a unha foto de Teresa lucindo o modelo, acompañada polos seus fillos en Aix-en-Provence.
Figura tamén o traxe de Loris Azzaro que levou na estrea absoluta das Cancións Xacobeas Homenaxe á Lírica Galega de Antón García Abril no Auditorio de Galicia en 1993. Preséntase xunto con outros once modelos que a mezzosoprano levou en Galicia ou cantando repertorio galego ou actuando con músicos galegos como o director de orquestra Maximino Zumalave. Estes modelos vestiunos tamén Teresa na Coruña desde o ano 1960 nas moitas actuacións que tivo nos teatros Rosalia e outros espazos da cidade.
Outras pezas destacadas son un grupo de traxes en cor azul noite, pois a maior parte do armario é vermello e negro, que levou en todo o mundo. Son modelos asinados por Loris Azzaro. Hai ademais modelos de Inés Higuera, de Pierre Cardin, de Guy Laroche, de Emmanuel Ungaro, de Elena Benarroch, xunto con debuxos de Loris Azzaro, de Pierre Cardin, de Elio Berhanyer e de Balenciaga.
Outra parte especial da exposición é a que conforman os modelos de Pedro Rodríguez, o gran modisto de alta costura en España, de quen non se poden admirar moitos modelos frecuentemente.
Na sala preséntase tamén o vídeo restaurado das Cancións Xacobeas de Antón García Abril e moita documentación orixinal: desde carteis de La Scala ata fotografías do fondo persoal de Teresa Berganza.
Trátase polo tanto dunha mostra fermosa e transversal que fusiona moda e lírica, cultura universal e novos discuros. Un xeito de estudar a unha muller coñecida universalmente polo seu canto, por medio doutra perspectiva, a dos traxes. Ademais, durante o desenvolvemento da exposición haberá actividades complementarias como conferencias e concertos.
O sorriso de Berganza está comisariada por Román Padín Otero, doutor en Arte contemporánea e persoa que xestiona con exclusivade o gardarroupa de Berganza e a súa documentación, procedente da casa que a cantante ten no Escorial.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible