Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

8 de xullo de 2025

As primeiras parellas LGTBI que casaron en María Pita e representantes institucionais participaron nun acto que reivindicou a memoria, os dereitos e a igualdade

A Coruña conmemora os vinte anos da Lei do Matrimonio Igualitario cun acto institucional no Salón de Sesións

Inés Rey apela ao compromiso democrático fronte aos discursos de odio: “A dignidade humana non é negociable”

O Concello da Coruña celebrou esta mañá un acto institucional con motivo do 20 aniversario da Lei do Matrimonio Igualitario, que tivo lugar no Salón de Sesións do Palacio Municipal, espazo emblemático da vida democrática local. O acto reuniu a representantes das catro principais institucións da provincia -Concello, Goberno de España, Xunta de Galicia e Deputación-, así como a membros da corporación municipal, entidades LGTBI, sindicatos, colectivos veciñais e representantes do tecido social da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto e destacou o valor institucional e político desta efeméride "Non é só unha celebración. É unha declaración de principios", afirmou.

No seu discurso alertou contra os retrocesos impulsados pola extrema dereita e subliñou que "a igualdade está ameazada e non podemos mirar cara outro lado". Tamén reivindicou o papel do Concello como institución garante de dereitos: "Aquí non pechamos portas. Abrímolas ao amor, á diversidade e ao respecto."

Durante a súa intervención, Inés Rey quixo lembrar a figuras históricas da loita LGTBI na cidade, como Elisa e Marcela, protagonistas do primeiro matrimonio entre dúas mulleres do que se ten constancia en España, ou Tomás Fábregas, activista coruñés recoñecido internacionalmente pola súa defensa das persoas con VIH e dos dereitos LGTBI. "A Coruña soubo estar sempre á altura. E non temos intención de deixar de estalo", concluíu.

Vinte anos dunha conquista histórica

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, deu lectura ao encabezamento da Lei 13/2005, do 1 de xullo, que fixo posible o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. De seguido, interveu a concelleira Noemí Díaz, membro do goberno local que puido acceder ao matrimonio grazas á nova lexislación, quen compartiu unha emotiva reflexión sobre a importancia de que a súa historia persoal sexa tamén símbolo dunha conquista colectiva.

A continuación, tomaron a palabra Carmen Marón, ex deputada pola Coruña e unha das parlamentarias que votou a favor da lei no Congreso, e Mar Barcón, ex concelleira que oficiou as primeiras vodas igualitarias na cidade no ano 2005. Ambas destacaron o contexto político daquel momento e puxeron en valor o papel das administracións locais á hora de facer realidade os dereitos na vida cotiá das persoas.

Recoñecemento ás parellas pioneiras

Un dos momentos máis simbólicos do acto foi a intervención das dúas primeiras parellas LGTBI que formalizaron o seu matrimonio en A Coruña. José Luis Quintela e Marcos Soto, primeira parella que casou en María Pita, e Isaac González e José Ramón Veiras, primeiros en facelo no Salón de Sesións. A alcaldesa louvou o seu exemplo: "Representades moito máis que un vínculo persoal. Representades unha conquista colectiva."

O acto rematou coa interpretación do Coro Cores, que interpretou "El amor", "A mi manera" e "Lay all your love on me".

Compromiso fronte á ameaza do odio

Ao pechar o acto, a alcaldesa lanzou unha mensaxe clara e contundente fronte ao avance de discursos contrarios aos dereitos fundamentais: "Vivimos tempos perigosos. Non todos os discursos son inocentes. E non todas as opinións son inofensivas."

Reivindicou o papel do Concello como espazo de defensa da igualdade: "Esta institución está comprometida coa democracia. E iso significa defender os dereitos de todas as persoas, sexan como sexan, amen a quen amen."

Inés Rey reafirmou o compromiso do goberno local coa diversidade e co avance dos dereitos humanos: "Non daremos un paso atrás. Nin nesta cidade, nin nesta institución."

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible