Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

7 de xullo de 2025

A alcaldesa salienta o seu papel clave no xuízo polo asasinato de Samuel Luiz e o seu traballo incansable contra a LGTBIfobia

ALAS A Coruña, recoñecida co II Premio Tomás Fábregas pola súa defensa dos dereitos LGTBI

A entidade será homenaxeada o 16 de xullo no Salón de Plenos do Concello, coincidindo co seu 15.º aniversario

O Concello da Coruña acaba de anunciar que a entidade ALAS A Coruña (Asociación pola Liberdade Afectivo-Sexual) será distinguida co Premio Tomás Fábregas 2025, que recoñece persoas, entidades ou institucións destacadas na defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

A entrega do galardón terá lugar o mércores 16 de xullo no Salón de Plenos do Concello, coincidindo co 15.º aniversario da fundación da entidade.

A alcaldesa da Coruña subliñou que "ALAS A Coruña encarna, coma poucas, o espírito do Premio Tomás Fábregas, pola súa capacidade para mobilizar a sociedade e sensibilizar sobre a diversidade".

Así mesmo, o Concello quere recoñecer o papel determinante da asociación como acusación popular no xuízo polo asasinato de Samuel Luiz, cuxo veredicto en 2024 recoñeceu a motivación homófoba como agravante do crime e marcou un fito xudicial na loita contra os delitos de odio.

Ao longo da súa traxectoria, ALAS Coruña impulsou o Observatorio contra a LGTBIfobia, organizou centos de obradoiros en centros educativos e brindoulles apoio legal e psicolóxico a milleiros de persoas, sempre coa colaboración do Concello.

"A Coruña é hoxe un referente na defensa da diversidade e dos dereitos da comunidade LGTBI. Iso débese ao compromiso de entidades como ALAS Coruña e ao tecido asociativo que construímos entre todas e todos", concluíu a alcaldesa.

Sobre o Premio Tomás Fábregas

O premio leva o nome do activista coruñés Tomás Fábregas (1958-1994), símbolo internacional da loita polo acceso universal á saúde e polos dereitos das persoas con VIH. A súa chegada a San Francisco en 1992, desafiando a prohibición de entrada aos Estados Unidos, converteuse nun emblema global de resistencia e dignidade.

Na súa primeira edición, o galardón foi entregado a Fina Baliñas, enfermeira do Hospital Universitario da Coruña, activista pioneira na atención a persoas con VIH e unha das impulsoras da primeira unidade específica para este colectivo.

A súa traxectoria foi esencial para dignificar a atención sanitaria ás persoas seropositivas nun tempo no que o estigma e a discriminación eran a norma.

Programación do Orgullo 2025

Martes · 8 de xullo

Recepción institucional: 20 anos do matrimonio igualitario

Palacio Municipal · 12:30 · só con invitación

Intervención da Alcaldesa / Concelleira de Benestar Social e encontro cos primeiros matrimonios LGTBI. Actuación de Coro Cores.

Obradoiro "Nomearnos é existir" - Escritura narrativa

Espazo Diverso - CC Cidade Vella

17:00 - 20:00 · +18 · inscrición previa

Espazo creativo para desenvolver narrativas queer e crear referentes propios.

Mércores · 9 de xullo

Obradoiro: Mirando máis aló do binarismo de xénero

CC Castrillón

17:00 - 20:00 · +18 · inscrición en Espazo Diverso

Taller de debuxo con Greta Debelius sobre corpos non normativos.

Xoves · 10 de xullo

Obradoiro: A túa voz, a túa identidade

Espazo Diverso - CC Cidade Vella

17:00 - 19:30 · +18 · inscrición previa

Taller de logopedia para aliñar a voz coa identidade de xénero.

Luns · 14 de xullo

Contacontos "Planeta LGBT" (Orgullo de Barrio Monte Alto)

Salón de Actos - CC Castrillón

17:30 · entrada libre

Caxoto presenta unha viaxe interplanetaria que celebra a diversidade.

Martes · 15 de xullo

Contacontos "Planeta LGBT" (Orgullo de Barrio Os Castros)

Salón de Actos - CC Castrillón

17:30 · entrada libre

Obradoiro "Entre Corpos"

Espazo Diverso - CC Cidade Vella

17:00 - 19:30 · +18 · inscrición previa

Espazo vivencial de encontro corporal e reforzo dos vínculos.

Mércores · 16 de xullo

Taller de Pandeireta

CC Monte Alto

17:00 - 19:30 · +18 · inscrición en Espazo Diverso

Obradoiro musical inclusivo que fomenta a cohesión social.

Premio Tomás Fábregas

Salón de Plenos - Pazo Municipal

17:30 · só con invitación

Xoves · 17 de xullo

Conversa: Falemos do Chemsex. Sexo químico e saúde

Domus

19:00 - 21:00 · acceso libre

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible