13 de decembro de 2024
Malte Galera recibiu unha mención especial na categoría de Receitario Picadillo pola súa tapa ‘Korokke galego’
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a participación e o alto nivel deste concurso de tapas, o máis antigo de Galicia
As mellores tapas do XX Concurso Picadillo, promovido polo Concello da Coruña coa colaboración de Estrella Galicia, Cash Record e a Asociación de Celíacos de Galicia, están na Taberna Triay. Hoxe púxose fin á esta edición coa entrega de premios nas diferentes categorías. A Taberna Triay, coas súas tapas 'Buñuelo a la vista' e 'Triay Wonka', recibiu o voto favorable tanto do xurado profesional como a votación do público. Malte Galera recibiu unha mención especial na categoría de Receitario Picadillo pola súa tapa 'Korokke galego'.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a entrega de premios xunto co concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro e a neta de Picadillo, Carmen Fernández-Gago Puga. Tamén estivo a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas. Rey agradeceu a participación dos 44 locais que se sumaron á iniciativa gastronómica e subliñou o alto nivel do concurso de tapas máis antigo dos que se celebran en Galicia. "Somos unha cidade referente a nivel gastronómico en todo o noroeste de España e sabemos diversificar. Quen nos visita pode optar por menús especiais, comidas tradicionais, pratos de Estrella Michelín e, como non, de marabillosas tapas que forman parte da esencia dos coruñeses e coruñesas", destacou a rexedora.
Xurado do concurso
O xurado profesional desta XX edicción estivo conformado por Carmen Fernández-Gago Puga (Chau); Miguel González, membro do Grupo NOVE e chef do restaurante Miguel González (Ourense) co que alcanzou unha Estrella Michelín e un Sol Repsol; María Varela, cociñeira de A Parada das Bestas (Palas de Rei) e tamén membro do Grupo Nove; Juan Carlos Perret, cociñeiro de Kero Cocina Peruana (Vigo), quen se formou con Martín Berasategui e os irmáns Roca; e Áxel Smyth, chef do Simpar (Santiago de Compostela) recentemente galardoado coa súa primeira Estrella Michelín.
O grupo seleccionou as tapas gañadoras dun total de 10 preseleccionadas como finalistas: cinco na modalidade 'Tapa Creativa' e cinco na de 'Receitario Picadillo'. Triay gañou en ambas, na de Receitario coa tapa 'Buñuelo a la vista' e na Creativa con 'Triay Wonka', e por cada unha delas recibiu como premio 1.000 euros, un diploma acreditativo e un trofeo da Torre de Hércules. Pola súa parte, Malte Galera logrou a mención especial na categoría de Receitario Picadillo pola súa tapa 'Korokke galego'.
Votación popular
O premio á mellor tapa por votación popular tamén recaeu no 'Buñuelo a la vista' de Triay despois de ser a máis votada polo público. O premio consistiu en 500 euros e un diploma acreditativo.
Ademais, este venres celebrouse un sorteo entre as persoas que participaron nesta votación a través dun código QR que acompañaba a cada tapa en todos os locais. O sorteo levouse a cabo nun acto público en Casa de Paredes ás 9:00 horas.
Repartíronse 14 premios individuais compostos por tres lotes de produtos Cash Record, unha entrada dobre para o museo MEGA e dez packs de cociña (delantal, xogos de utensilios de madeira e un libro de cociña) máis unha tarxeta museo Coruña Card. As persoas gañadoras e as bases do sorteo atópanse na páxina web www.tapaspicadillo.es.
Unha edición especial
Nesta XX edición do Concurso de Tapas Picadillo participaron 44 establecementos da cidade con 52 tapas: 18 delas na categoría de Tapas Creativas e 34 na de Tapas Receitario Picadillo. Entre as propostas había 19 tapas aptas para persoas celíacas e 7 para veganas.
Este ano, o certame que leva o nome de Manuel María Puga y Parga 'Picadillo', gastrónomo, xornalista e político galego que escribiu en 1905 'La cocina práctica', coincidiu co 150 aniversario do nacemento do escritor.
18 de xuño de 2025
16 de xuño de 2025
12 de xuño de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible