Encántanos que veñas, que nos visites e que sexas un máis durante as túas vacacións na Coruña. E porque quererás volver e encantarache atopar a cidade igual de bonita, animámoste a que a túa viaxe sexa respectuosa coa contorna, que entre todos e todas coidemos o planeta mesmo de vacacións.
Aí van algúns consellos:
1. Valora como chegar ata aquí: podes facelo en avión. Se é así, tes a opción de compensar a túa pegada de carbono https://www.ceroco2.org/calculadoras/
E que che parece en tren? É unha forma máxica de viaxar, pausada, que che permite gozar da paisaxe e ir baixando revolucións. Como chegar
2. Para moverte pola cidade: poderás facelo camiñando sen problema, así non perderás nada. Ademais temos un Paseo Marítimo de case 14 km de longo. E se prefires bicicleta, é outra fantástica opción, con carril bici que percorre a cidade. Non contaminas e poñeraste en forma. E se estás preguizosa, opta polo transporte público. O coche mellor deixalo aparcado. Como chegar
3. Recicla: sabemos que xa o fas en casa, así que non che custará nada seguir facéndoo durante as vacacións.
4. Non deixes restos na cidade nin na natureza: temos uns lugares incribles para gozar dun picnic (nun banco fronte á Mariña, nunha das mesas do Parque Escultórico...) pero logo, por favor, que só queden as pegadas dos teus pés no chan. Natureza e Deporte
5. Reduce o uso de plástico: aquí somos moi de comer coas mans: marisco, empanada, queixos...así que non o necesitarás.
6. Merca local: se tes opción, opta polos negocios locais. Produtos feitos con moito agarimo. Artesanía, deseño, materiais respectuosos e xente encantadora que che recibirán cun sorriso nas súas tendas. Moda, deseño e máis
7. Elixe comida de tempada: sabemos que unha das túas motivacións para visitarnos é poñerte as botas comendo; e que mellor que gozar dos produtos que están de tempada. Igualmente nos nosos restaurantes seleccionarán o mellor para ti. Despensa Km0
8. Coida da contorna: quererás levar recordos, pero que sexan sobre todo sensacións. Tenta respectar a flora autóctona que nos fai únicos, as praias que visites...A natureza é marabillosa e fráxil, coidemos dela.
9. Mergúllate na nosa cultura: axudarasnos a preservala e de paso anímate a aprender algo da nosa lingua, o galego.
Por exemplo, proba con Bo día, grazas, bico ou ledicia (estado de felicidade durante as túas vacacións na Coruña) e morriña (que sentirás cando marches, ao botarnos de menos).