Se estás a planear unha viaxe en familia... Parabéns! A Coruña é o destino ideal para que todos os membros gocen dunhas vacacións perfectas.
Que podes agardar da nosa cidade? Todo! Museos didácticos, parques e xardíns, cómodos aloxamentos, menús para todos os petos, praias, actividades deportivas, mitos e lendas e unha infinidade de aventuras.
A continuación mostrámosche algunhas suxestións nas que os peques o pasarán en grande e, por que non, os adultos tamén!
Que facer na Coruña en familia?
Non deixedes pasar a oportunidade de visitar en familia o faro romano máis antigo do mundo e o único que se conserva en funcionamento. A Torre de Hércules, Patrimonio Mundial dende 2009, mide aproximadamente 55 metros e os seus 234 chanzos levarante a unhas vistas espectaculares. Pero outra opción igual de impresionante é pasear pola contorna e polo seu Parque Escultórico, onde atoparedes lendas de heroes e xigantes como a de Hércules e Xerión.
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae son visita obrigada, sobre todo se viaxas con nenos/as. Os Museos Científicos da Coruña son todo un espectáculo e deixarán un recordo indeleble na xentiña máis pequena.
Sen dúbida un dos museos favoritos para os pequenos aventureiros. O Castelo de San Antón, hoxe o museo arqueolóxico da cidade, garda entre as súas paredes múltiples historias da súa época como fortaleza, ademais de coleccións de armas e armaduras, pezas de castros ou a recreación dunha embarcación viquinga.
Pablo Picasso viviu na Coruña desde os 9 aos 14 anos. Podedes visitar a casa Museo Picasso, a mesma na que residiu de neno, e na que iniciou os seus pasos como pintor e perfeccionou os seus dotes de debuxante.
Un dos mellores parques e miradoiros da Coruña está nas alturas. Falamos do Monte de San Pedro, ao que podedes subir en coche ou andando e que superará todas as vosas expectativas.
Aquí si hai praia! E na propia cidade! Se nos visitades no verán é obrigado un mergullo no Atlántico. Noutras épocas do ano o máis recomendable é gozar da contorna costeira, un plan sinxelo pero incrible. As praias son cómodas e accesibles, con todos os servizos. Se queredes areais amplos e cheos de vida elixide Orzán, Riazor, Santo Amaro ou Oza; mentres que se buscades calas máis pequenas e recollidas recomendámosvos As Lapas e Matadoiro.
A Coruña conta cuns parques e xardíns de ilusión. Algúns actúan como miradoiro, outros como unha área recreativa e todos gardan algún segredo. Entrade en calquera deles para dar un paseo relaxante ou para gozar dunha xornada en plena natureza.
Amantes do fútbol? Parabéns! Na Coruña somos moi de fútbol. O estadio de Riazor, sede do Real Club Deportivo da Coruña e do Dépor Abanca, sitúase xunto á praia do mesmo nome e sempre está cheo dunha afección que nunca abandona o seu equipo.
Pero hai vida máis aló do fútbol... A cidade destaca por unha grande oferta de actividades para facer en familia como correr, patinar, o surf, o golf, o ciclismo...