O xardín é un dos espazos verdes máis singulares da cidade, localizado na Cidade Vella. Trátase dun "hortus conclusus" creado ao redor da tumba do xeneral inglés Sir John Moore, heroe da batalla de Elviña contra os franceses e falecido en 1809.
Inverno (novembro a marzo):
Luns a domingo das 08.00 ás 20.00 h
Verán (abril a outubro):
Luns a domingo das 08.00 ás 21.00 h
PECHADO TEMPORALMENTE
Aquí atopábanse os restos do antigo baluarte coñecido como "Fortaleza Vella", protexido cunha grosa muralla e obra de gran solidez no que chegou a gardarse a pólvora necesaria para a defensa da cidade. A finais do século XVIII o capitán xeneral de Galicia Carlos Francisco de Croix decidiu converter esta localización, tras a destrución no século anterior pola explosión da polvoreira, nun xardín público.
En 1830, a iniciativa do Goberno Británico, levantouse neste recinto unha arca fúnebre de pedra dedicada ao xeneral Sir John Moore e en 1834 o gobernador da praza, Don Francisco de Mazarredo transformouno construíndo o xardín actual, un xardín pechado e protexido dos ventos, que se conserva como un evocador xardín romántico.
O proxecto, realizado polo arquitecto municipal José María de Noya, define un espazo ovalado percorrido por un conxunto de camiños radiais que parten do centro, onde se sitúa a tumba. A vexetación distribúese en pequenos xardíns, onde hai plantados varios olmos centenarios monumentais incluídos actualmente no catálogo de árbores singulares de Galicia.
O xardín conserva aínda elementos da antiga fortaleza como as garitas de vixilancia ou a muralla e posúe un espectacular miradoiro orientado ao porto da cidade.
Desde o miradoiro, asomándose á galería, apréciase unha magnífica panorámica do porto e da fachada costeira da cidade.