No mes de marzo os días fixéronse máis longos, a cidade comezou a cheirar a flores e o sol empezou a esconderse durante menos horas. Foi, en definitiva, a presentación da primavera, unha estación que transformou e que segue transformando A Coruña por completo.
Agora os parques e xardíns da cidade recuperaron o seu esplendor enchéndose coa música dos paxaros e de coloridas flores, facéndoa aínda máis fermosa para quen a visita. Se este ano tes a oportunidade de descubrirnos, aquí deixámosche algúns dos nosos plans favoritos para esta época do ano.
1. Primavera de terraceo...
Afeitos a gozar dunhas tapas ou copas chova ou trone, coa chegada dos primeiros meses de temperaturas suaves e raios do sol os motivos dos coruñeses e coruñesas para saír á rúa multiplícanse.
Basta un día solleiro para atopar todas as terrazas da cidade cheas. Desde a praza de Vigo á Mariña, pasando pola praza de José Sellier ou María Pita, mozos e adultos reúnense para tomar un café ou unha caña en compañía e co chiar dos paxaros de fondo.
Aínda que tamén é habitual escoitar bulicio nas rúas polas mañás grazas aos diferentes locais onde tomar un almorzo de dez ou un brunch espectacular.
1.2 .... e de xeados
Co ascenso das temperaturas xa apetecen os xeados e na Coruña non hai nada mellor que gozar dun na Mariña. Síntete un verdadeiro coruñés paseando á beira do mar e degustando un rico doce das seis xeaderías principais da cidade: a Colón, La IBI, Puerta Real, Bico de Xeado, Rafa Gelato ou Farggi.
3. Pasea polo porto máis alá da Mariña
Un bo plan para esta primavera é descubrir o porto coruñés máis aló da Mariña. Unha vez camiñes baixo as brancas galerías, segue co mar á túa esquerda para chegar ao peirao portuario entrando pola praza de Ourense. Este é o lugar ideal para ter outra perspectiva do porto e descubrir unha das zonas de paseo máis novas da cidade.
Parque Monte de San Pedro
4. Desfruta da natureza no Monte de San Pedro
Non hai mellor maneira de gozar do aire primaveral que mergullándose completamente na natureza. E poucos recunchos da Coruña son tan idóneos para iso como o parque do Monte de San Pedro.
En canto as nubes comezan a afastarse, unha visita ao noso miradoiro predilecto da cidade é obrigatoria. Reláxache perdendo a vista no horizonte do Atlántico, cunha panorámica que percorre a liña de costa ata Arteixo e as Illas Sisargas dun lado e a Costa Ártabra e a Ría da Coruña do outro.
5. Descubre a maxia do parque escultórico da Torre de Hércules
Unha paisaxe máxica tamén se atopa no parque escultórico da Torre de Hércules, no que arte e natureza se funde coas pezas artísticas que se esconden entre aves, arbustos e flores.
6. Recorre a cidade en bici
Outro plan ideal para esta época do ano é descubrir a cidade en bicicleta, percorrendo os case 50 quilómetros do noso carril bici. Ademais, non terás que viaxar coa túa bicicleta ao lombo xa que tes a posibilidade de elixir as de BiciCoruña ou reservar unha nos negocios de alugueiro de bicicletas da cidade.
7. Inaugura a temporada de praia
Para os máis atrevidos, a tempada de praia comeza antes na Coruña. Se as temperaturas acompañan, anímate co primeiro mergullo do ano en calquera das praias coruñesas. Podes escoller entre As Lapas, Matadoiro, San Amaro, Orzán ou Riazor, aínda que esta última conta con fieis bañistas ao longo de todo o ano.
Nesta época recomendámosvos especialmente as tres primeiras, xa que ao estar máis recollidas non vos resultará nada difícil atrevervos a bañarvos en augas do Atlántico.
Praia de Orzán
7. Goza dun pícnic coa posta de sol de fondo
A Coruña conta con parques e xardíns perfectos para gozar dun pícnic coa túa familia, parella ou en solitario. O parque de Santa Margarida ou o de Eirís son moi boas opcións, así como calquera areal urbano con vistas ao horizonte e cos últimos raios de sol de fondo.