PRIMAVERA
Contámosche un pouco máis sobre o noso clima, o que fai que a nosa terra sexa tan fermosa, salvaxe e única. Así poderás elixir o mellor momento para visitarnos segundo os teus gustos:
Aquí faise moi presente, xa que a natureza irrompe por todas as partes e deseguido empezamos a ver as árbores cheas de folla e flor, os días fanse máis longos e luminosos... As terrazas énchense de vida, nótase que xa temos ganas de que chegue o verán. Iso si, durante estes meses podes atopar de todo: fresco, calor, choiva... Como di o dito: "Ata o corenta de maio non quites o saio", que vén dicirnos algo así como que mellor aínda vaias abrigado.
A temperatura media rolda os 16º.
VERÁN
Chega a calor, pero máis suave que noutros puntos do noso país. O influxo do Atlántico nótase. Temos o privilexio de gozar do sol durante o día pero sen temperaturas sufocantes, que ademais che permitirán durmir sen abafos.
As rúas e as praias énchense de xente con gana de gozar ao aire libre, de practicar deportes náuticos, de ver o solpor... Por certo, sabías que A Coruña é a cidade onde o sol se pon máis tarde? Ademais comezan as festas do verán, como o San Xoán e as festas de María Pita. Hai gana de pasalo ben.
Iso si, lembra que a temperatura do mar é fresquiña.
As temperaturas oscilan entre os 22 e os 24 graos.
Máis info
Podes obter máis información sobre o tempo en www.meteogalicia.gal
O verán cada vez se prolonga máis, pero cando os días se acurtan, as cores da paisaxe cambian e notamos o fresco, sabemos que o outono chegou. A choiva comeza a facer acto de presenza, pero a temperatura, aínda que baixa, é suave e levadía.
É unha época perfecta para gozar dunha escapada sen tanta xente, para pasear polos nosos parques con esa luz e colorido especial ou probar a nosa gastronomía con produtos de tempada, por exemplo en festivais gastronómicos como o Boucatisse, Concurso de tapas Picadillo etc.
A temperatura media é de 15º.
Inverno
Si, o inverno na Coruña faise notar aínda que cada vez é máis suave. Pero, que sería visitarnos sen sentir a choiva? Forma parte da nosa identidade. A paisaxe e as cores transfórmanse. O océano vólvese máis bravo, o que dá lugar a verdadeiros espectáculos para a vista (iso si, gózaos a distancia e con moita precaución).
As temperaturas baixan e notarás humidade. Pero con paraugas e ben abrigado/a, é unha época máxica para unha escapada. Poderás gozar de eventos a cuberto, como a tempada de teatro, concertos da OSG e tomar un bo chocolate con churros... por opcións que non sexa.
A temperatura media rolda os 11º.