Como movéreste pola cidade cun animal de compañía?
Se nos teus plans de viaxe non pode faltar facer turismo coa túa mascota, pero antes queres asegurarte de que o teu amigo ou a túa amiga terá todo o que necesita, botámosche unha man.
A Coruña é unha cidade pequena pero vibrante, na que todos os puntos de interese están só a un paseo de distancia. A nosa recomendación é que sempre que poidas optes por unha camiñada, xa sexa polas rúas históricas, polo ensanche ou polo Paseo Marítimo da Coruña , o máis longo de Europa. Todas opcións que poderás facer acompañado da túa mascota.
Pero andar non é sempre a solución. Se o necesitas, podes facer uso do transporte público co teu amigo de catro patas. Na cidade existen dous servizos de taxis principais. Tanto TeleTaxi como Radiotaxi admiten a entrada de mascotas nos seus vehículos. Simplemente é necesario avisar diso previamente, xa que non todos os seus coches están adaptados para que os animais viaxen con seguridade.
No caso dos autobuses da Compañía de Tranvías da Coruña, as mascotas poden viaxar a condición de que vaian nun transportín impermeable e completamente pechado. Se dispós dun de modalidade IATA, non fallarás, aínda que non é necesario que estea homologado. Unha vez dentro do bus, o teu compañeiro deberá ir baixo o asento no que che situes. Por suposto, estas regras non se aplican aos cans guía ou aos animais de asistencia, que son sempre benvidos nos medios de transporte públicos.
Asistencia veterinaria
Se a túa mascota o necesita, na Coruña existen múltiples Clínicas veterinarias . Case unha corentena de centros están especializados para tratar os animais de compañía e estes sitúanse por todos os barrios da cidade.