Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

8 de xaneiro de 2025

As persoas interesadas poderán participar en módulos de arte, cinema, literatura, teatro, debuxo artístico, fotografía, música e baile tradicional, así como de cociña

Aberto o prazo de inscrición na programación de lecer que terá lugar no Ágora e o Fórum Metropolitano en primavera, con obradoiros e actividades creativas

Haberá unha oferta específica para persoas maiores de 70 anos, con actividades de tonificación física e tamén un novo obradoiro orientado ao exercicio da memoria mediante o uso de dispositivos móbiles

O Concello abriu este mércores o prazo de inscrición na programación de lecer que se desenvolverá no Centro Sociocultural Ágora e o Fórum Metropolitano entre inicios de febreiro e finais de maio, con ducias de obradoiros e actividades creativas, orientadas á participación cidadá a escala interxeracional.

Neste sentido, a partir de hoxe xa está habilitado o pagamento nos obradoiros de continuidade. Desta forma, as persoas participantes poderán aboar as suas cotas ata este venres 10.

A preinscrición nos novos obradoiros, aberta entre os días 10 e 13 de xaneiro

A preinscrición nos novos obradoiros desta tempada de primavera e tamén a das novas persoas que desexen participar nas actividades comezará este venres 10, ás 09.00 horas, e rematará o vindeiro luns 13 de xaneiro.

Coa posta en marcha desta programación, o Goberno de Inés Rey busca achegar a cidadanía ao eido das artes, o cinema, a literatura e o debuxo artístico, disciplinas que contribúen ao desenvolvemento creativo das e dos participantes, ao igual que outras como o teatro, a fotografía, a música e o baile tradicional.

Haberá, ademais, unha oferta específica para persoas maiores de 70 anos, "unha iniciativa que vemos fundamental para promover o desenvolvemento cognitivo das persoas en idade máis avanzada, contribuíndo así a loitar contra a soidade non desexada", apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

A este respecto, entre os novos obradoiros incluídos na programación estará 'Mente dixital: Adestra o teu cerebro', no que as e os participantes aprenderán a usar o teléfono móbil como ferramenta para exercitar a súa memoria e estimular as súas funcións cognitivas. A través desta proposta, con técnicas sinxelas, as persoas inscritas descubrirán como un smartphone pode ser un aliado na súa rutina diaria para manter a súa mente activa e saudable.

Tres vías para formalizar a preinscrición

A partir deste venres 10, o Concello habilitará tres vías para que as persoas interesadas formalicen a súa preinscrición.

En primeiro lugar, por vía telemática, a través da páxina web da área de Cultura do Concello. Por outra banda, tamén se facilitará axuda telefónica, no número 604 272 419 (habilitado de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas), ás persoas que non teñan correo electrónico ou dificultades de acceso á Internet. E, a maiores, facilitarase axuda presencial (de 09.00 a 14.00 horas) nos vestíbulos do Ágora e o Fórum Metropolitano.

Tras a preinscrición e o sorteo público das prazas, a adxudicación das mesmas terá lugar o día 20 de xaneiro, cando se publicarán na páxina web do Concello. Tamén se poderá consultar a información correspondente a través do 010.

Cómpre lembrar que as cotas de inscrición nas actividades de lecer para a vindeira primavera son de 40 euros no caso dos obradoiros para persoas menores de 65 anos, e de 28 euros para as persoas maiores de 65 anos.

As actividades desenvolveranse entre o 3 de febreiro e 31 de maio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en