3 de marzo de 2023
Muller e ciencia
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (MUNCYT) acolleu hoxe “Referentes que inspiran”
Mulleres científicas reivindicaron hoxe na Coruña o seu papel na ciencia e na tecnoloxía para poñer en valor o traballo realizado e servir de referentes para as nenas que queiran dedicarse a profesións científico-técnicas. O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, MUNCYT da Coruña levou hoxe a cabo "O día internacional da muller" acollendo na súa sede a actividade "Referentes que inspiran", organizada en colaboración coa Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular (SEBBM) e na que participa o Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade.
No acto participaron María Mayán, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e Coordinadora Muller e Ciencia da SEBBM, que falou de: "Por que necesitamos referentes femininos?". Nun diálogo entre escolares e científicas, achegaron as súas visións Guadalupe Sabio, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC), Verónica Bolón, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC-UDC), Sara Sdelci do Centro de Regulación Xenómica (CRG), África González do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (CNBIO), María José Alonso do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CIMUS), e María Fernández e Antón Salazar, ambos os dous da British International School.
Preto de cen estudantes de educación primaria e secundaria da Coruña e Ferrol asistiron a este encontro, no que se visibilizou o papel da muller na ciencia e a tecnoloxía. As participantes puxeron en valor as súas contribucións máis destacables e mostraron casos de éxitos. Elas son referentes que animan a outras investigadoras e espertan vocacións científicas entre as máis novas.