Á auga mascotas!
Cando chegan as vacacións, a época de descanso pode xerar unha dúbida para as familias con mascota: viaxo ou non co noso amigo de catro patas? Se o teu destino é A Coruña, non tes nin que pensalo.
Con opcións como espazos naturais, centros culturais e mesmo unha tarde de compras ou de tapeo, na Coruña viaxar coa túa mascota non é sinónimo de renunciar aos mellores plans.
A Coruña é unha península arrodeada polo Atlántico, na que os amplos areais da enseada son protagonistas. As praias de Riazor, Orzán e Matadoiro serán unha parada obrigatoria cando nos visites e cos seus quilómetros de costa as túas mascotas gozarán correndo, saltando as ondas ou rebuscando tesouros na area.
Algo máis ao norte, atópase a praia das Lapas ou do Areal, xusto aos pés do maior monumento da cidade, a Torre de Hércules. Tamén aí é habitual ver a cans xogando na area e na beira, nun mar máis acougado que o da enseada. Nos seus arredores está o parque escultórico, un verdadeiro museo ao aire libre que poderás visitar en total liberdade coa túa mascota. Se queres visitar o faro deberás levar ao teu amigo nun transportador, xa que só está permitida a súa entrada desta forma.
Seguindo polo espazo da Torre, que inclúe tres rutas para dúas e catro patas, está outro areal, o de Santo Amaro, no que as mascotas tamén son benvidas para xogar entre mar e area.
Ollo! Os animais só poderán acceder ás praias fóra da tempada estival, na que non está permitida a súa entrada. Así que do 1 de xuño ao 30 de setembro, as mascotas deberán limitarse a pasear polo paseo marítimo ou as rúas coruñesas.
Paraísos perrunos en espazos verdes
Onde sempre son benvidos é nas diversas Áreas caninas . A máis céntrica atoparédela no parque de Santa Margarida. No medio dun oasis verde no centro da Coruña, escóndese un parque con xogos para cans e con espazo suficiente para que corran libres. Fóra desta área reservada, o parque dispón de merendeiros, un estanque e alberga a Casa das Ciencias, un dos museos científicos da cidade onde as mascotas son benvidas se entran nun transportador.
Ademais dos museos científicos, os animais de compañía, a condición de que sexan de tamaño pequeno, poden visitar tamén as casas museo de Pablo Picasso, Casares Quiroga e María Pita .
Outro destino verde marcado no turismo de cans é o parque de Bens. Situado nun dos extremos do paseo Marítimo, este é sen dúbida un territorio canino predilecto na Coruña cunhas vistas inmellorables ao Atlántico e área canina. Outros dos parques polos que che recomendamos pasar xunto á túa mascota é o do monte de San Pedro, o que é sen dúbida o mellor miradoiro da cidade.
En pleno centro, outra opción son os xardíns de Méndez Nuñez, onde historia e natureza entrelazan nun dos espazos verdes máis antigos da cidade.
As mascotas tamén van de compras
Non hai mellor forma de empezar o día que cun bo café. En Waco Coffee, La Cantera Grand Cru, Caffé Latte, Valentín ou Doña Bárbara poderás tomalo acompañado, xa que aí son benvidas as mascotas.
Seguindo coas opcións para as/os máis golosas/os, a clásica xeadería Ibi, situada en plena Mariña coruñesa, admite tamén no seu interior os animais de compañía. Para unha boa comida ou cea, de prato ou tapeo, as opcións non son poucas. Preto da Ibi atópase Bistró, un local pet friendly, igual ca o Charlatán, o Morriña, o Five ou Marea Baja.
Na happy hour tamén hai sitio para os animais de compañía. Se queres tomar unha copa acompañado/a do teu amigo ou da túa amiga de catro patas, locais como o Astoria ofrecen esta posibilidade.
Na capital da moda galega, ir de compras non pode ser a excepción nos teus plans de viaxe con mascota. Non son poucas as tendas, tanto do xigante Inditex, como as boutiques que enchen as rúas coruñesas, que admiten no seu interior os/as compañeiros/as de catro patas.
En grandes superficies destaca Marineda City, o maior centro comercial da cidade, que conta con diversos locais pet friendly, ademais de admitir animais de compañía en todas as zonas comúns.
As tendas para mascotas tampouco faltan na cidade. En Quinta das mascotas, Lucana ou Mi Bicho atoparás todo tipo de artigos para os/as nosos/as amigos/as peludos/as.
Peregrinos
Unha opción máis aventureira pasa polo Camiño de Santiago, xa que pola cidade coruñesa transcorre dende hai séculos o Camiño Inglés. Cun paseo de dous días, desde A Coruña pódese alcanzar a Catedral de Santiago. As etapas suman algo máis de 70 quilómetros, e son unha das rutas máis curtas, polo que resulta unha opción perfecta para que se sume o teu peregrino.