Se estás a planear unha viaxe en familia... Parabéns! A Coruña é o destino ideal para que todos os membros gocen dunhas vacacións perfectas. Que podes agardar da nosa cidade? Todo! Museos didácticos, parques e xardíns, cómodos aloxamentos, menús para todos os petos, praias, actividades deportivas, mitos e lendas e unha infinidade de aventuras.
A Coruña agárdate con moitas propostas para gozar en familia. Seguro que non poderedes elixir só unha. Mostrámosche algunhas suxestións nas que os peques pasarano en grande ... e por que non, os adultos tamén!
Que facer na Coruña en familia?
Non deixedes pasar a oportunidade de visitar en familia o faro romano máis antigo do mundo e o único que se conserva en funcionamento. As persoas máis atrevidas poden subir os 234 chanzos da Torre para contemplar as vistas. Pero outra opción igual de impresionante é pasear pola contorna e polo seu Parque Escultórico. Fascinaranvos as súas lendas, nas que non faltan os heroes e os xigantes, como a de Hércules e Xerión.
A Casa das Ciencias, a Casa do Home-Domus e a Casa dos Peixes-Aquarium Finisterrae son visita obrigada, sobre todo se viaxas con nenos. Os Museos Científicos da Coruña son todo un espectáculo e deixarán un recordo indeleble nos máis pequenos.
Sen dúbida un dos museos favoritos para as e os peques aventureiros/as. O Castelo de San Antón, hoxe o museo arqueolóxico da cidade, garda entre as súas paredes múltiples historias da súa época como fortaleza, ademais de coleccións de armas e armaduras, pezas de castros ou a recreación dunha embarcación viquinga.
Pablo Picasso viviu na Coruña desde os 9 aos 14 anos. Podedes visitar a Casa Museo Picasso, a mesma na que residiu de neno, e na que iniciou os seus pasos como pintor e perfeccionou os seus dotes de debuxante.
Un dos mellores parques da Coruña está nas alturas, o Monte de San Pedro. Podedes subir en coche ou no seu espectacular ascensor panorámico en forma de enorme esfera, unha experiencia en grao sumo divertido para as/os pequenas/os... e non tan pequenas/os.
Aquí si que hai praia! E na propia cidade! Se nos visitades no verán é obrigado un mergullo no Atlántico. Noutras épocas do ano o máis recomendable é gozar da contorna costeira, un plan sinxelo pero incrible. As praias son cómodas e accesibles, con todos os servizos: amplas e cheas de vida como Orzán, Riazor, Santo Amaro ou Oza; ou máis pequenas e recollidas como As Lapas e Matadoiro.
Máis de 13 quilómetros de paseo marítimo dan para moito. En bicicleta ou andando. Vós elixides, pero percorrer este paseo é a maneira ideal de coñecer a fachada atlántica da cidade e descubrir a vida xunto ao mar. E para gozar da natureza na cidade, atoparedes ao voso paso unha infinidade de parques e xardíns.
Amantes do fútbol? Parabéns! Na Coruña somos moi de fútbol. O estadio de Riazor, sede do Deportivo da Coruña, sitúase xunto á praia do mesmo nome. Pero hai vida máis aló do fútbol e a cidade destaca por unha grande oferta de actividades náuticas.
Poderás contratar clases en familia e gozar de momentos moi divertidos practicando deportes e actividades de lecer como o surf, as carreiras, o skate, o golf...