O Museo de Arte Sacra inaugurouse en 1990 e alberga unha colección de pezas que atesourou a Colexiata ao longo de toda a súa historia.
+ (34) 981 203 186
Inverno (setembro a xullo):
Martes a venres de 09:00 h. a 14:00 h.
Verán (agosto):
Pechado.
Entrada gratuíta.
O seu interior acolle magníficas mostras de ourivaría relixiosa dos séculos XVI ao XX, destacando unha arqueta eucarística e unha custodia do barroco alemán, así como pezas pertencentes a diferentes escolas de prateiros españois entre as que se atopan cálices, relicarios, sacras ou incensarios.
Neste museo podemos atopar a prata doada por Dona María Ana de Neoburgo, que pasou a noite na Coruña con motivo da súa ligazón matrimonial co último Austria, o Rei Carlos II, en 1690.
Este edificio de nova planta, deseñado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto para albergar a colección de ourivaría relixiosa estrutúrase no seu interior ao redor da escaleira que se converte no elemento principal do edificio e que pretende aparentar un cofre en cuxo interior se gardan xoias.