Concello da Coruña

Concello da Coruña

Mercado Municipal de San Agustín

Mercado tradicional de abastos, situado fronte á praza do Humor.

O mercado de San Agustín, coa súa espectacular cuberta parabólica, converteuse en todo un símbolo da modernidade da Coruña nos anos 30. É un dos edificios da primeira metade do século XX máis audaces, emblemáticos e coherentes co seu destino.

O mercado de San Agustín é obra de dous arquitectos fundamentais para a conformación da cidade herculina do século XX, Santiago Rey Pedreira e Antonio Tenreiro, arquitectos municipais cando asinaron o proxecto do novo mercado no ano 1932.

Os estudos apuntan a que os arquitectos se inspiraron no mercado público da cidade francesa de Reims para crear esta estrutura con cuberta parabólica, todo un reto para a Galicia dos anos 30. En Leipzig, Alemaña, existe un mercado de similares características.

A singular cuberta parabólica do mercado está formada por unha lámina de formigón de 15 centímetros de grosor na que se incrustan bandas de vidro.

Os profesionais da arquitectura non dubidan en cualificar o mercado de San Agustín como o «Guggenheim» galego da época. Na data da súa construción foi o edificio máis innovador, moderno e tecnoloxicamente punteiro construído en España. O proxecto, incluída a súa singular lámina de formigón, é un milagre arquitectónico nado das mans de dous profesionais que souberon, desde un recuncho do norte de España, conectar directamente coa vangarda europea que se desenvolvía naqueles anos.

De feito, o mercado de San Agustín é unha das tres obras da Coruña incluídas no catálogo do prestixioso Docomomo (Documentación e Conservación do Movemento Moderno), un estudo elaborado pola Fundación Mies Van der Rohe no que tamén figuran a unidade veciñal de Elviña, de Currais, e a Universidade Laboral.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión