Concello da Coruña

Concello da Coruña

Zonas comerciais

Perderte polo centro

Cidade cosmopolita vangarda da moda e o estilo, A Coruña conta con diferentes espazos comerciais que non deixan ningún gusto de lado. Se es desas persoas que queren aproveitar a súa viaxe para renovar o seu outfit, darse un caprichiño ou simplemente volver a casa cun recordo orixinal, descubrímosche as principais zonas para comprar na cidade.

O principal foco de comercios na Coruña concéntrase na praza de Lugo e na súa contorna. Parada obrigada en calquera percorrido pola cidade polo seu mercado e a súa arquitectura, neste punto e nas rúas lindeiras atoparás opcións de moda infantil e de adultos das principais marcas. Ademais de roupa e complementos, terás á túa disposición tendas de electrónica, material audiovisual, libros e papelaría.

Todo, como non podería ser doutro xeito, a poucos metros de locais onde tomar un bo café, un aperitivo co que repoñer forzas ou mesmo restaurantes nos que degustar os mellores menús coruñeses.

Movéndonos polo istmo xeográfico que une os dous extremos da cidade podemos continuar as nosas compras ao longo da rúa San Andrés. Coa praza de Pontevedra ás nosas costas, emprendemos un paseo repleto de pequenas e grandes firmas de calzado, cosméticos, moda, fotografías... Ao noso paso, tanto a esquerda como a dereita, teremos a posibilidade de perdernos momentaneamente en pequenas prazas como a da Galera ou a da Cormelana e deixarnos conquistar polo seu ambiente festivo e desenfadado.

Tamén podemos optar por percorrer de principio a fin a rúa Real, tradicional itinerario para quen busca unha compra asegurada na cidade. Negocios con varias xeracións aos seus mandos, séculos de historia na súa calzada e edificios históricos en cada portal. As túas compras combinadas coa conservación patrimonial.

Os todo en un

E se o teu é telo todo á túa disposición, A Coruña conta cun dos centros comerciais máis grandes de España, un espazo que atrae millóns de visitantes cada ano. En Marineda City, meca dos amantes do shopping, non che faltará de nada. Literalmente. Con centos de tendas, se te pasas por Marineda non botarás en falta ningún servizo para pasar un día xenial.

O espazo está formado por unha gran explanada exterior que dá acceso a grandes almacéns de mobles, electrónica, tecnoloxía ou produtos para animais. Non faltan tampouco as gastronetas con xeados, churros e bebidas para acompañarte mentres completas as túas compras. Unha vez dentro do edificio principal do centro comercial atoparás tres andares repletos de negocios de moda, accesorios, beleza, deporte, hipermercados ou restauración, entre outros.

Outra boa opción para unha tarde de compras é El Corte Inglés e o centro comercial Catro Camiños, ambos os dous situados na rúa Ramón y Cajal. Se te achegas ata aquí contarás coa eficiencia, as ofertas e as novidades do gran almacén español por excelencia, ademais da ampla variedade de tendas e marcas que alberga no seu interior a firma coruñesa.

Cal é a túa opción preferida? Agardámoste!

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión