
Para desconectar do mundo e respirar o aroma do Atlántico temos un pequeno segredo na Coruña: unha visita ao monte de San Pedro. O lugar ideal onde relaxarse e gozar ao aire libre como nunca.
Este parque era antigamente un punto defensivo reconvertido para o goce da cidadanía e turistas desde o ano 1999. Conta cunha extensión de máis de 90.000 metros cadrados nos que se poden realizar todo tipo de actividades: desde voar un papaventos ata tombarse na herba ou contemplar o atardecer. Ademais, conta cun grande aliciente turístico que son as dúas pezas Vickers de máis de 17 metros de altitude que foron adquiridas en 1929 e instaladas en 1933.
Pero un dos atractivos principais do monte de San Pedro son as súas evocadoras vistas. Por unha banda observarás o océano Atlántico e a liña de costa ata Arteixo e as illas Sisargas que pertencen a Malpica de Bergantiños. E cara ao outro lado, nun primeiro termo, a cidade e a costa ártabra coa ría da Coruña onde atoparemos Mera, Santa Cruz e a costa de Oleiros; e nun segundo termo, as rías de Betanzos, Ares e Ferrol e a costa ata o seu porto exterior. Terás que mirar o mapa para saber ata onde alcanza a túa vista!

Ascensor panorámico
Chegar ao monte de San Pedro pode ser unha experiencia máis impresionante do que imaxinas. Ademais do acceso habitual a pé ou por estrada, un espectacular ascensor panorámico a modo de gran bóla acristalada permíteche subir ou baixar desde o paseo marítimo ata a cima con vistas privilexiadas á baía coruñesa.
Unha vez arriba tamén atoparás o único miradoiro cuberto de 360 graos de toda España, a Cúpula Atlántica.
O ascensor está pechado temporalmente.

Unhas vistas Michelín
No alto do monte, presumindo de contorna e vistas, atópase o restaurante Estrella Michelín Árbore da Veira. Un espectacular espazo gastronómico que comparte tamén coa súa proposta máis informal, Taberna 5 Mares.