27 de xaneiro de 2025
O Concello expón en Madrid o seu potencial gastronómico coa degustación de produtos coruñeses elaborados por catro cociñeiros da cidade
A cociña da Coruña xa se sente en Madrid Fusión, a feira internacional de gastronomía na que se dan cita cociñeiros/as de enorme prestixio tanto de España como doutros países. Hoxe deu inicio en Ifema Madrid a vixésima terceira edición deste congreso mundial que se estenderá ata este mércores 29 e no que participarán, por parte da Coruña, os cociñeiros Manuel Triay, da Taberna Triay (gañador do Concurso de Tapas Picadillo 2024 -o máis antigo de Galicia- nas categorías de Tapa Receitario, Tapa Creativa e Votación Popular); Gonzalo Cotelo do restaurante Morriña, Juan Fernández de Grupo Malte e Diego Hernán de Central Park. Toda a programación terá lugar no posto de Saborea España, a rede de destinos gastronómicos da que A Coruña forma parte. Esta é outra iniciativa máis do fomento do turismo que se está levando a cabo desde o Goberno de Inés Rey.
A presentación da oferta gastronómica da cidade galega en Madrid chega despois da programación cultural e de lecer anunciada hai apenas uns días pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, en FITUR. A rexedora sinalou que o principal obxectivo deste 2025 é bater os "extraordinarios datos" do pasado ano como a ocupación hostaleira, que entre 2022 e 2024 se incrementou en máis de cinco puntos con rexistro de ocupación do 85% en xullo e do 92% en agosto. Parte deste éxito chegou grazas á forte aposta por unha programación cultural ambiciosa e en xeral aberta a todos os públicos. E aquí é onde entra a gastronomía, pois A Coruña é todo un referente no norte de España da cociña atlántica grazas, en parte, a diferentes iniciativas levadas a cabo na cidade como Lacónicas, as Xornadas do Bonito ou Picadillo, o concurso de tapas máis antigo de Galicia.
Programación do 27 de xaneiro
A xornada deste luns arrincou no posto de Saborea A Coruña cunha proposta de almorzo a base de cafés Aruba, cremas Lenatt e a torta de nata de Amasarte. Ás 11.30 horas púxose en marcha o taller 'Entre aromas e sabores: a esencia do lacón con grelos' a cargo do cociñeiro Gonzalo Cotelo do Restaurante Morriña. A sesión vermú contou con agulla de conservas coruñesas La Pureza, patés de tofu de Landeira (enmarcada na Reserva da Biosfera e Mariñas Coruñesas) e vermú ecolóxico Lodeiros.
A partir das 13.30 horas desenvolveuse un menú degustación por parte do cociñeiro Juan Fernández, de Grupo Malte, quen preparou un 'prensado de polbo e cacheira á feira'. Ademais, as presentacións de produto e degustacións continuaron ao longo da tarde cun 'guiso de bacallau con verduriñas' dos Biosbardos grazas á man de Gonzalo Cotelo, empanadas de Pablo Pizarro de La Empanada Viajera, viños de Bodegas Rilo, infusións Orballo, doces de Raizame ou cócteles de Vánagandr.
Por suposto, non faltou unha selección dos mellores viños de IGP Betanzos que se puideron catar na 'Aula de copas' da man de Luis Sande, copropietario da adega Pagos de Brigante.
O final da xornada destacou polas degustacións das patacas fritas de Bonilla á vista, queixos Cagiao aderezados con produtos de Acastrexa, encurtidos de repolo picantón de Acastrexa e roxóns de porco celta de Productos Cárnicos Domínguez, entre outros.
Durante as próximas xornadas tamén participarán Chocolate Express, Pan e Canela, Amieiro, a Lonxa da Coruña co seu selo 'Peixe da Lonxa da Coruña' e Habelas Hailas.