O auditorio do Fórum Metropolitano acolle a presentación da nova novela de Fuco Paz Souto
Para público en xeral
10/12/2024
Xa rematou
Acceso libre até completar capacidade
Das 19.00 ás 20.30 h
Tel.: 981 184 298
O martes 10 de decembro ás 19.00 h no Fórum Metropolitano teremos a presentación do libro "Na República da Cascarilla" de Fuco Paz Souto, publicado por Medulia Editorial.
O acto estará presentado por David Paz Lafuente, profesor de galego na EOI da Coruña.
Resumo:
"Non hai moito, escoitei a unha caboverdense dicir que: "gostaría de ter uns brazos infinitamente longos para poder abrazar a todos os galegos e galegas". Con esta hipérbole tan bonita estaba amosando o seu agradecemento á veciñanza de Burela, por tela acollida con tanto cariño cando arribou, na compaña do seu home, á Mariña luguesa.
Fago miña esta hipérbole dunha caboverdense anónima para amosar o meu agradecemento ao barrio no que nacín, no que me criei, e no que fun feliz.
Os Muíños era un barrio "abrazado" polo río de Monelos que esmorecía no golfo Ártabro entregando as súas augas doces ao mar océano. O río, ademais das augas doces, entregaba tamén un feixe inmorredoiro -a modo de legado-, no que se incluían historias irrepetíbeis de xogos, de amor, de amizade, de leas, zarapalladas, marañas..., e unha infinita suma de recordos, que cada un dos que habitamos o barrio sabemos que nos acompañarán para sempre."Na República da Cascarilla" conviven coa narrativa, outros subxéneros pertencentes á arte de relatar: "reportaxe", "crónica", "memoria", "autobiografía", e mesmo narracións propias dos libros de viaxes.
Deixo nas vosas mans unha obra para vos mergullar en mundos pretéritos, que a modo de Odisea han facer que viaxedes por ríos e mares literarios creados no voso maxín e, de certo, polos que navegastes cando erades adolescentes".
Fuco Paz Souto:
Fuco Paz Souto naceu nos Muíños-Monelos, A Coruña (1955).
Publicou a súa primeira obra no ano 2008, "Cachiños do meu cerne". Narrativa. Editorial Toxosoutos.
O seu poema "O illote dos soños" foi o gañador do XIII Concurso de poesía Rit Suárez Amado. Nivel adulto. Ano 2018.
No ano 2020 publicou o seu primeiro poemario, "Versos que recenden a mar". Editorial Medulia.
No ano 2022 publicou o seu segundo poemario, "Le déjeuner des canotiers" (O xantar dos remeiros). Editorial Toxosoutos.
Ten participado en obras colectivas achegando os seus poemas: "Erotismo Poético". Ano 2024. Editorial Diversidad Literaria.
No ano 2024 participa nun proxecto bilingüe (inglés-galego) na loa de Sir John Moore (So Far Away, How Far!" "Cuán Lonxe, Cánto!"), co seu poema "Lowlander". É unha edición de David Clark e publicada por Medulia editorial.
No ano 2024 publica, "Na República da Cascarilla". Narrativa. Editorial Medulia.
Tamén che pode interesar