Facer o Camiño de Santiago supón un grande esforzo físico, polo que é imprescindible alimentarse ben. En Galicia, e máis concretamente na Coruña, a gastronomía local é un dos principais atractivos. Marisco, empanada ou tortilla son algúns dos clásicos en terras galegas.
Como cidade de porto, na Coruña atoparás marisco da mellor calidade. Tal é así, que o máis común é consumilo simplemente cocido, para non enmascarar o seu intenso sabor a mar. Entre os protagonistas do mar está o polbo, tradicionalmente preparado "á feira", e que se pode atopar facilmente nos bares e restaurantes do centro da cidade.
Tamén atoparás produtos do mar no interior das empanadas. Estas preparacións contan sempre cunha masa fabricada a partir de fariña, variando o seu recheo. Algunhas das máis típicas son as de atún, pero tamén é frecuente velas de bacallau, polbo, zorza, carne ou con opcións vexetarianas.
Outro clásico é a tortilla preparada ao estilo de Betanzos, unha das paradas do Camiño Inglés. Cun ovo pouco callado, patacas e un pouco de aceite, este prato é un clásico imperdible da gastronomía galega.
E como non, percorrer as rúas dos viños: A Franxa, Galera, Olmos, Estrela, Barreira, Torreiro... onde atoparás deliciosas opcións de menú do día e, como non, as famosas tapas, para que probes un pouco de todo do mellor da nosa cociña.
Pasando ás bebidas, ademais dos tradicionais licores e viños galegos, unha das "estrelas" é a cervexa. Na propia cidade da Coruña está a fábrica de Estrella Galicia, que crea as súas elaboracións coa fantástica auga coruñesa e ten variacións con ingredientes do Camiño, como o trigo galego do Camiño Inglés.