Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión
Uxía Senlle

Concerto de Uxía Senlle e Celina da Piedade “Irmás de raíz”, no festival Sons de Estío

A cantante galega Uxía Senlle reúnese en concerto coa acordeonista, cantora e compositora portuguesa Celina da Piedade. Xuntas farán un percorrido polo seu repertorio e achegarannos aquelas pezas máis representativas da música de cada unha delas. Convidarán o público para cantar con elas e facer unha festa na que tamén participarán Ana Santos (violín) e Bleuenn Lle Friec (arpa).

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

29/06/2025

Xa rematou

Horario:

19.30 h

Enderezo:

Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

De balde. Non se precisa reserva previa nin retirar billete de entrada.

Organiza:

Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán "Agra"

A cantante galega Uxía Senlle reúnese en concerto coa acordeonista, cantora e compositora portuguesa Celina da Piedade. Xuntas farán un percorrido polo seu repertorio achegando aquelas pezas máis representativas da música de cada unha delas. Convidarán o público para cantar con elas e facer unha festa na que tamén participarán Ana Santos (violín) e Bleuenn Le Friec (arpa).

Uxía Senlle naceu en Sanguiñeda (Mos). Está considerada unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Celebramos os seus prolíficos e frutíferos 40 anos na música de carreira artística, en que renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Dende a súa estrea con Foliada de marzo en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, e creou o seu repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos do Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bissau, como João Afonso, Dulce Pontes, Rui Veloso ou Tito Paris. Publicou 12 discos polos que recibiu importantes recoñecementos, entre os que destacan o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio ao Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios da Música Independente de España por Meu canto, seleccionado tamén como "Top of the World" pola revista británica Songlines. Entre outros proxectos, é a directora artística e alma mater do Festival Internacional da Lusofonía "Cantos na maré". Sempre comprometida socialmente, foi voceira da plataforma cidadá Nunca máis durante a catástrofe do Prestige no ano 2002, e cantou nos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf en varias ocasións.

Celina da Piedade, nada en Lisboa, é acordeonista, cantora, e compositora. Ten tres álbumes en solitario, Em casa (2012), O cante das ervas (2014), Sol (2016) e Ao vivo na Casinha (2021). Comezou a estudar música con cinco anos e pouco despois xa actuaba en público. Estudou no Conservatório de Setúbal, licenciouse en Patrimonio Cultural e posgraduouse en Estudos de Música Popular. Colabora desde o 98 coa Associação PédeXumbo, da que é presidenta honoraria (con ela editou o libro Caderno de danças do Alentejo). No ano 2000 integrou o Cinema Ensemble de Rodrigo Leão, e tamén compartiu escenario con figuras do prestixio de Mayra Andrade, Uxía Senlle, Ludovico Einaudi, Gaiteiros de Lisboa, António Chainho, Samuel Úria... Foi membro fundador do grupo Uxu Kalhus, tocou coa banda entre 2000 e 2010 e gravou dous discos de orixinais. Integrou o grupo humorístico e musical Homens da Luta con quen participou por vez primeira no Festival RTP da Canção de 2011 e gañou co tema A Luta é Alegria. Celina da Piedade é unha das personalidades esenciais á hora de achegar a tradición portuguesa ás músicas do mundo.

Colaborou com nomes como Mayra Andrade (con quen tocou e para quen compuxo "Mon Carroussel"), Né Ladeiras, Ludovico Einaudi, Kepa Junkera, Amor Electro, Gaiteiros de Lisboa, Úxia, António Chainho, Samuel Úria, Viviane, Gaiteiros de Lisboa, entre moitos outros. 

Participou como artista e compositora en máis de 50 edicións discográficas, para alén de bandas sonoras para cinema, teatro e danza.

A bretoa Bleuenn Le Friec comparte o seu tempo entre e a interpretación e a docencia. Toca regularmente como arpista invitada con diversas orquestras (Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Sinfónica de Galicia, Gran Teatre del Liceu, Orquesta Nacional de España, Ensemble Intercontemporain, ...) e en diferentes agrupacións camerísticas. Tamén colabora con diversos músicos do panorama da música galega como Zumaque (con Pablo Pascual), Uxía Senlle, Xoán Curiel, Faia Díaz ou Carlos Núñez.

A alentexana Ana Santos toca o violín, a viola e a gaita, entre outros instrumentos. Como música, participou en moitos proxectos de diferentes xéneros, incluíndo orquestras e grupos de teatro e de danza, e con artistas como António Bexiga, Napoleão Mira, Dino d' Santiago, Paulo Colaço, Uxía Senlle, Rodrigo Leão, Sam the Kid, Couple Coffee, Celina da Piedade, Xosé Lois Romero, Grupos Corais de Cante Alentejano, colectivos de Forró, entre outros.

Este concerto, como todas as actividades de "Agra no Ágora" son de acceso libre e gratuíto. O programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación Veciñal Agra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en