Organizarase unha observación na explanada da Casa das Ciencias
Para público en xeral
29/03/2025
Xa rematou
A partir das 10.30 horas
Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña
Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e Museos Científicos Coruñeses
O 29 de marzo de 2025 terá lugar unha eclipse parcial de Sol que se poderá observar en Galicia se as condicións meteorolóxicas o permiten. Na Coruña a eclipse comeza ás 10.44 e finaliza ás 12.39 horas, e a Lúa chegará a ocultar un terzo do disco solar.
A Agrupación Astronómica Coruñesa Io e a Casa das Ciencias organizan a partir das 10.30 horas unha observación conxunta na explanada que rodea o museo no parque de Santa Margarida. Aínda que a predición meteorolóxica é favorable, a eclipse non se poderá apreciar se finalmente o ceo se cobre de nubes.
Ambas as entidades recomendan a observación da eclipse a través de medios de proxección indirectos, xa que mirar directamente ao Sol sen unha protección adecuada pode levar a danos irreversibles da vista. O risco é moito maior se se utilizan prismáticos ou telescopios. Por ese motivo, instalarase na Casa das Ciencias un telescopio para observación solar que retransmitirá en directo a imaxe do Sol, de modo que todo o mundo poida contemplar con total seguridade a evolución da eclipse nos seus propios teléfonos móbiles. Ademais, poñeranse a disposición das persoas participantes diferentes modelos de cámara escura que permiten proxectar a imaxe do Sol para a súa observación indirecta. Tamén se pode utilizar unha espumadeira, xa que os obxectos con estrutura de malla fina proxectan sombras que reproducen a silueta do Sol.
En todo caso, a Casa das Ciencias e a Agrupación Astronómica Io lembran que a visión do disco solar parcialmente ocultado constitúe unha pequena parte da experiencia de observación dunha eclipse, que debe incluír tamén a percepción das variacións de luz e temperatura ambiental, os cambios de comportamento da fauna, ou a alteración das sombras que proxectan obxectos tramados como as copas das árbores, un coador ou unha espumadeira. As "lentes de eclipse" só mostran unha imaxe estática do sol eclipsado do tamaño dunha moeda de 1 céntimo de euro sostida co brazo estendido.
As eclipses de Sol sempre se producen durante a Lúa nova, pero non todos os plenilunios temos eclipse. O motivo é que as órbitas da Terra e a Lúa non están exactamente no mesmo plano, polo que unicamente teremos eclipses se ambos se atopan nas proximidades dos puntos de intersección entre estes dous planos.
Lémbraselles ás persoas interesadas en asistir a esta observación que non está permitido o acceso de vehículos ao parque de Santa Margarida.