Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xaneiro de 2024

A cociña coruñesa triunfa en Madrid Fusión con produtos de proximidade e técnicas de vangarda

Os cociñeiros coruñeses Manuel Triay e Sheila Barbeito desenvolven estes días a súa actividade en IFEMA Madrid dentro da feira internacional de gastronomía

O Concello da Coruña despregou este luns todo o seu potencial gastronómico en Madrid Fusión, a feira internacional de gastronomía que ten lugar en IFEMA Madrid. Desde hoxe e ata este mércores, a cociña coruñesa é a protagonista indiscutible da gastronomía atlántica grazas a pratos de vangarda elaborados polos cociñeiros locais Manuel Triay, da Taberna Triay, e de Sheila Barbeito, do restaurante Roots Coruña.

Nesta primeira xornada estivo presente o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro. "Unha vez máis, o goberno de Inés Rey volve apoiar o potencial gastronómico da Coruña, protagonista indiscutible da gastronomía atlántica, demostrando que a nosa materia prima é excelente e que contamos con cociñeiros de vangarda que miran ao futuro da cociña sen perder a perspectiva do máis importante: a calidade e o sabor", subliñou  Castro.

Este luns arrancou cun almorzo doce que deu paso a unha sesión vermú onde se puideron degustar queixos Cagiao aderezados con produtos de Acastrexa, empanada de La Empanada Viajera e vermú ecolóxico Lodeiros. Porén, o punto forte deste primeiro día en Madrid Fusión tivo lugar ao mediodía grazas ás degustacións enmarcadas nas Xornadas Territorio Atlántico Reserva de Biosfera e Boucatise. Manuel Triay e Sheila Barbeito foron os encargados de elaborar pratos de vangarda con produtos coruñeses.

Pola tarde o público puido gozar novamente dun momento máis doce e unha selección dos mellores viños.

Programación para este martes, 30 de xaneiro

Mañá, martes, a xornada arrancará cun almorzo con chocolate de Chocolate Express e bica de Amasarte. Tamén será posible gozar dunha sesión vermú con empanada de chicharróns, queixo de Arzúa e cebola caramelizada de Casa Pardo; sardiña picante con marmelada de tomate de Conservas vexetais Amieiro, patacas fritidas de Bonilla a la Vista e vermú ecolóxico Lodeiros.

O prato forte deste martes será a Ruta da Tapa, onde o público poderá degustar chulas de cocido e queixo galego elaborados por Manuel Triay así como callos á galega por Sheila Barbeito. Todo isto, acompañados de pan Amasarte e viños Pagos de Brigante.

Pola tarde volverá o momento doce con Amasarte, infusións Orballo e cremas Lenatt; deixando para o final petiscos de bonitos de conservas coruñesas La Pureza macerados con viños Adegas Bordel.

O resto de xornadas de Madrid Fusión completaranse con produtos da Lonxa da Coruña, carne de Pío do Saleiro ou produtos ecolóxicos. Tampouco faltarán obradoiros de tapas ou cata de viños.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión