Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

6 de outubro de 2023

O evento contou con ponencias sobre a xestión do turismo sostible e os recursos que son Patrimonio Mundial. A Torre de Hércules foi a anfitrioa da cita, enmarcada na axenda da presidencia española do Consello da UE

A Coruña despediu as xornadas técnicas da Alianza de Paisaxes do Patrimonio Mundial coa mirada posta na xestión sostible dos recursos patrimoniais

“Coidar o noso patrimonio é coidar da nosa historia”, subliñou o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro

A Coruña púxolle hoxe punto e final ás xornadas técnicas da Alianza de Paisaxes do Patrimonio Mundial despois de dous días de eventos onde se puxeron en común diversas propostas e obxectivos a cumprir en relación a unha mellor xestión dos recursos que son Patrimonio Mundial.

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, participou no acto de clausura deste evento que se leva desenvolvendo desde este xoves na Fundación Luís Seoane e que tivo á Torre de Hércules como anfitrioa.

Un dos elementos máis característicos da cidade da Coruña que, como todos os demais recursos que forman parte do patrimonio cultural do municipio hai que "protexer e conservar ao formar parte da nosa esencia e identidade", sinalou o responsable de Fomento. "Ademais, para o vindeiro encontro temos unha cita especial, xa que se farán 15 anos desde que a Torre de Hércules foi declarada Patrimonio Mundial e de seguro que programaremos algo moi especial porque coidar o noso patrimonio é coidar da nosa historia. Coñecer e valorar o noso pasado é o que nos fará ter un mellor futuro, é o que nos permitirá comprender a nosa propia identidade", subliñou.

Unhas palabras que tamén compartiu Llorenç Galmés, presidente da Alianza de Paisaxes Culturais, quen agradeceu a todas as persoas participantes a súa asistencia e todo o labor que realizan desde as súas institucións, entidades ou grupos de traballo para que a cultura patrimonial e histórica avance.

Estas xornadas técnicas enmarcáronse na axenda cultural da presidencia española do Consello da UE e contaron co apoio do Concello da Coruña e o Consorcio de Turismo e Congresos. Tamén colaboraron o Ministerio de Cultura e Deporte, a Deputación da Coruña e a Alianza de Paisajes Culturales y Sitios Afines al Patrimonio Mundial.

Un traballo en equipo para un turismo responsable e con futuro

A última xornada de 'Paisajes y sitios. Participar para convivir' arrincou co Doutor en Arquitectura Mario Crecente, quen expuxo ao público asistente a situación da candidatura da Ribeira Sacra para a listaxe de Patrimonio Mundial.

A continuación tivo lugar unha mesa redonda onde se puxo o foco sobre a achega do tecido social nas paisaxes e sitios.

Na mesa participaron Daniel Cárdenas Macías, xeógrafo do Insituto Insular para a Xestión Integrada do Patrimonio Mundial e Reserva da Biosfera, Susanna Simón, directora do Pla de Gestió de la Vall del Madriu-Perafita-Claror e Josep Bernales, xefe do servizo técnico do Consorci Serra de Tramuntana.

En liñas xerais, presentaron os procesos que seguiron de cara a presentar os seus recursos ante a Unesco para ser catalogados como Patrimonio Mundial. Un camiño longo, en todos os casos, no que houbo que facerlle fronte a criterios legais, paisaxísticos, medioambientais, culturais, sociais e políticos.

Tamén explicaron as medidas de sensibilización, concienciación e visibilización sobre eses recursos que se levaron a cabo durante os últimos anos como programas de voluntariado ou enfocadas á participación cidadá real.

Unhas propostas que tamén debullaron representantes de varias entidades coruñesas como os Royal Green Jackets, Gallaecia Viva ou o Grupo Naturalista Hábitat. Neste caso, participaron noutra mesa redonda sobre a achega do tecido social á Torre de Hércules e mostraron ao público asistente todas as actividades e proxectos que realizan para poñer en valor os recursos paisaxísticos, medioambientais e culturais da contorna da Torre e que implican a total participación da cidadanía.

O punto e final a estas xornadas correu á cargo do Doutor Enxeñeiro Pedro Calaza Martínez, quen abordou a concepción da paisaxe galega desde diferentes ámbitos como o ecolóxico e o medioambiental.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en