Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

12 de maio de 2025

A Coruña e Galați acordan fortalecer os lazos institucionais e económicos entre ambas cidades

A alcaldesa recibiu unha delegación oficial da cidade romanesa para avanzar nunha futura colaboración entre ambos municipios

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu hoxe no Palacio de María Pita unha delegación do Goberno local de Galați (Romanía), encabezada pola vicealcaldesa Silvia-Elena Atanasiu. Durante o encontro, as cidades comprometéronse a establecer as bases para xerar unha relación fluida de cooperación en ámbitos como o desenvolvemento económico, o intercambio cultural, a innovación urbana e a promoción internacional.

"A Coruña ten vocación de cidade aberta ao mundo. Este encontro amosa a nosa vontade de establecer alianzas con urbes europeas que compartan valores de progreso, sostibilidade e compromiso social", declarou a alcaldesa, Inés Rey. Pola súa banda, a vicealcaldesa Silvia-Elena Atanasiu destacou que "A Coruña é un exemplo de dinamismo e modernidade coa que compartimos unha visión común de futuro dende Galați e esperamos poder desenvolver proxectos conxuntos que beneficien ás nosas comunidades. "

A visita institucional enmárcase na estratexia de internacionalización do Concello da Coruña e no fortalecemento das relacións con cidades europeas. Galați é unha cidade portuaria situada no leste de Romanía, á beira do río Danubio. Cunha poboación duns 218.000 habitantes é a oitava cidade máis poboada do país e destaca como un importante centro económico grazas ao seu porto fluvial, os estaleiros navais e unha das maiores plantas siderúrxicas do país.

Os delegados da cidade rumana mantiveron un encontro de traballo no Concello no que participaron representantes dos sectores económicos da cidade co obxectivo de establecer acordos de cooperación neste ámbito. Á reunión asistiron o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, o director xeral da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, Manuel Galdo, o xerente da Oficina de Promoción Técnológica e Industrial da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, Daniel Tafalla, o Director da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol e profesor de Enxeñería Naval e Oceánica, Vicente Díaz Casás e a xefa do Departamento de Desenvolvemento Portuario e de Negocio da Autoridade Portuaria, Dª Irene Souto Blázquez.

Rey estivo acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage; o Concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego; o Coordinador Xeral de Alcaldía, Antonio Alfeirán; o director de Planificación Estratéxica, Carlos Pérez e o director de Área de Turismo, Ignacio Martínez. A comitiva de Galați complétase co Xefe do Servizo de Promoción e Cooperación Económica, Claudiu Zlataru; e o director de Relacións Públicas, Cristi-Marian Ochiu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en