
Son moitas cousas as que nos definen como cidade: o mar, a moda, a gastronomía, a nosa forma de vivir a vida... E nisto último hai un elemento clave: a música.
Pequenas actuacións en acústico, grandes festivais, cheos en salas de concertos, o Coliseum... A oferta musical que alaga a cidade non só é ampla durante os meses de verán, senón que se estende ao longo de todo o ano.
Aquí che deixamos unha listaxe dos festivais e concertos que tivemos durante este ano, e os que nos quedan!
Festas María Pita
As festas por excelencia da cidade que duran todo o mes de agosto. Concertos de grandes artistas ou grupos de música actual e tradicional danse cita na histórica praza de María Pita. Completan a programación actividades culturais para toda a familia, a Romaría de Santa Margarida ou eventos deportivos como o Trofeo Teresa Herrera de fútbol.
Ademais, nestas festas enmárcase o Festival Noroeste Estrella Galicia, un evento gratuíto no que poder gozar de música en directo e de diferentes estilos en lugares tan diversos da cidade como a praza de Azcárraga, o Campo da Leña ou a praia de Riazor.