Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

4 de outubro de 2023

A Coruña reúne desde mañá a expertos nacionais en patrimonio coas xornadas ‘Paisajes y sitios. Participar para convivir’

A cita está organizada pola Torre de Hércules e a Alianza de Paisajes y Sitios Afines del Patrimonio Mundial, e forma parte da axenda cultural da presidencia española do Consello da Unión Europea. O evento, aberto ao público previa inscrición, é gratuíto

Mañá e o venres, días 5 e 6 de outubro, A Coruña será o punto de reunión para voces expertas en patrimonio e natureza. Durante os dous días, a cidade organiza as xornadas técnicas 'Paisajes y sitios. Participar para convivir', que forman parte da axenda cultural da presidencia española no Consello da Unión Europea.

O evento está organizado pola Torre de Hércules e a Alianza de Paisajes y Sitios Afines del patrimonio mundial, co apoio do Concello da Coruña e o Consorcio de Turismo e Congresos. Tamén colaboran o Ministerio de Cultura e Deporte e a Deputación da Coruña.

Nestas xornadas, o foco estará no papel da sociedade na conservación das paisaxes e sitios do Patrimonio Mundial, convidando a reflexionar sobre a participación de institucións, comunidade e asociacións para protexer e poñer en valor estes lugares. Así mesmo, a colaboración entre institucións para facerlle fronte aos impactos sociais negativos, como aqueles derivados do turismo, será outro dos eixes do encontro.

'Paisajes y sitios. Participar para convivir' tamén explorará con múltiples expertos na materia os dereitos na xestión do patrimonio, a protección destas paisaxes e sitios ou a importancia das achegas do tecido local ao Patrimonio Mundial.

O programa conta con distintos relatorios e mesas redondas que xirarán arredor da participación cidadá, o patrimonio inmaterial, a transición sostible e a relación entre paisaxes e sitios e institucións, entre outras temáticas. Tamén haberá quendas de preguntas para o público asistente.

A Torre de Hércules, Patrimonio Mundial da UNESCO desde 2009, será a anfitrioa desta convención, que terá lugar durante dous días na Fundación Luís Seoane.

Referentes nacionais

Entre os principais nomes que forman parte do conxunto de relatores destas xornadas está o de Myriam Ugarte, que intervirá no relatorio do Ministerio de Cultura e Deporte, representado por Pablo Jiménez Díaz, Maral Kekejian, comisaria do programa cultural da presidencia española do Consello de Europa ou Alicia Castillo, encargada da intervención do ICOMOS.

Ademais da Torre de Hércules, outros dos sitios que forman parte da Alianza e que participarán nestas xornadas son a Serra de Tramuntana de Mallorca, con Josep Bernales, ou o Vall del Madriu-Perafita-Claror de Andorra, con Susana Simón.

A nivel local estarán o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), co doutor Xavier Simón, a Universidade da Coruña e asociacións como o Grupo Naturalista Hábitat, Gallaecia Viva ou os Royal Green Jackets. O programa completo pódese consultar nas redes sociais da Torre de Hércules.

Gratuíto e aberto á cidadanía

Esta cita, que servirá de punto de encontro para reflexionar sobre a conservación e protección das paisaxes e sitios do Patrimonio Mundial, ten entre os seus obxectivos difundir e concienciar a toda a sociedade.

Por ese motivo, calquera persoa interesada pode acudir a estas xornadas na Fundación Luís Seoane. Para asistir é necesario cubrir previamente o formulario de inscrición que se pode atopar nas redes sociais da Torre de Hércules. A capacidade para o evento será limitada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en