Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de marzo de 2023

Feira Biocultura

A cuarta edición de Biocultura reforza a posición da Coruña como “referente do turismo sostible”

“Esta é a principal feira a nivel europeo en produción ecolóxica, medio ambiente, calidade de vida e consumo responsable”, expresou o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego

A cuarta edición de Biocultura, feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos inaugurada hoxe en EXPOCoruña, reforza a posición da Coruña como "referente en turismo sostible". Así o expresou o concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Juan Ignacio Borrego, no acto de inauguración, que contou con numerosos asistentes neste primeiro día, nun espazo que reúne a máis de 120 expositores. A feira, que conta co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, terá lugar esta fin de semana, ata o domingo, con expositores para comida, estética, ecoturismo, artesanía, benestar e moda sostible. Agárdanse máis de 11.000 visitantes. O Goberno de Inés Rey aposta pola sostibilidade, a dixitalización, a cultura e o turismo MICE como alicerces fundamentais da estratexia turística da cidade, como confirmou a alcaldesa recentemente en Fitur.

"Colaboramos con moita honra como cidade anfitrioa dun evento referente en turismo sostible, con esta feira anual, coa que se xa se está vendo o compromiso da cidade pola sostibilidade", comentou Borrego, que engadiu que se trata da principal feira europea neste ámbito "en produción ecolóxica, medio ambiente, calidade de vida e consumo responsable".

Nun percorrido polos expositores dos produtos que forman parte da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Borrego expresou que desde Turismo da Coruña se promocionan os produtos da Reserva da Biosfera. "E por este camiño seguiremos. Biocultura é un magnífico escaparate para poñer en valor os produtos de primeira calidade, o valor do próximo", expresou Borrego, acompañado polo xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Moisés Jorge Naranjo, e demais autoridades. Borrego citou o Plan de sostibilidade turística de destino, que xa está en marcha.

Durante os días de Biocultura haberá en EXPOCoruña máis de 120 actividades, como 'showcookings' ou o espazo Mamaterra, destinado aos máis pequenos. Chefs e produtores ecolóxicos realizarán presentacións e degustacións. Haberá tamén espazo para a "ecoestética", con xornadas formativas e obradoiros. No marco de Biocultura terá lugar o Festival Internacional Ioga Noroeste, entre outras actividades.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión