Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xaneiro de 2023

A Coruña en Madrid Fusión

A ministra de Turismo visita o posto da Coruña na feira internacional Madrid Fusión

A delegación coruñesa na feira, encabezada polos chefs Sheila Barbeito e Gonzalo Cotelo, mostrou ante Reyes Maroto a oferta gastronómica da cidade

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, visitou esta mañá o posto da Coruña na feira internacional Madrid Fusión. No seu percorrido polo Instituto Feiral de Madrid, a titular de Turismo puido coñecer de primeira man a oferta gastronómica que A Coruña presenta estes días na capital, así como saudar a delegación coruñesa presente no evento, encabezada pola cociñeira Sheila Barbeito, do Restaurante Roots, e Gonzalo Cotelo, do Restaurante Morriña. A ministra destacou a calidade e a innovación das propostas da Coruña en Madrid Fusión no posto de Saborea A Coruña, en presenza da presidenta de Saborea España, Susi Díez, e do presidente de Hostalería de España, José Luis Yzuel.

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, continúa coa presentación da súa oferta gastronómica na feira internacional Madrid Fusión, que empezou onte e terminará mañá. O Goberno de Inés Rey, que expuxo en Fitur a súa oferta cultural e de lecer para este ano, completa a presentación do potencial turístico da cidade en Madrid neste evento gastronómico cunha importante proxección tanto nacional como internacional.

Na xornada de hoxe, tras empezar o día con Larpeira de Amasarte e Infusiones Orballo no posto da Coruña, La Empanada Viajera ofreceulle ao público empanada de xouba. Sheila Barbeito, chef de Roots (Premio Picadillo á mellor tapa creativa 2022), encargouse do Taller de tapas: Lacónicas "Gyozas Lacónicas" e Gonzalo Cotelo, chef do Restaurante Morriña (gañador do Concurso de Tapas Picadillo en 2015; en 2019 destacado pola mellor tapa tradicional e en 2020 pola mellor tapa en categoría maridaxe), explicoulle ao público "a tosta de San Xoán": sardiña afumada sobre broa e marmelada de pemento de Acastrexa.

O día completarase con lacón con grelos e chourizo e, xa pola tarde, torta de améndoa de Amasarte e conservas coruñesas La Pureza maridadas con viños de Adegas Bordel, seguindo o programa de degustacións, talleres e demostracións en directo que nesta edición leva A Coruña a Madrid Fusión.

Durante os tres días de Madrid Fusión ofrécense no posto de Saborea A Coruña produtos da Lonxa da Coruña, de Bodegas Pagos de Brigante, Bodegas Bordel, vermú ecolóxico Lodeiros, Acastrexa, Os Biosbardos, Conservas La Pureza, PortoMuíños, Queixos Cagiao, infusións Orballo, Bonilla á vista, La Empanada Viajera e Amasarte.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión