5 de febreiro de 2024
Os establecementos ofrecerán do 8 de febreiro ao 3 de marzo menús especiais, con posibilidade de recollida e servizo a domicilio e ofertas para grupos
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá as IX Xornadas do Lacón con Grelos, coñecidas como "Lacónicas", que se desenvolverán entre o 8 de febreiro e o 3 de marzo en 31 establecementos hostaleiros da cidade. O edil estivo acompañado no acto pola concelleira de Turismo, Diana Cabanas. Tamén asistiron representantes de diferentes negocios participantes: La.Con.Fusión (Manuel Souto), Lois (José Álvarez), Central Park (Fernándo Estévez), O Carrusco (Víctor Loureiro), Hünico (David Núñez e Luciana Casavilca) e Rincón del Reino (David Mariño).
"Por tradición, somos unha cidade que vive estas datas de maneira moi intensa, xa sexa enchendo as rúas de disfraces ou nas casas e restaurantes, gozando dunha boa lacoada", indicou Castro durante a súa intervención. O concelleiro destacou que "desde o Goberno de Inés Rey trabállase da man do sector hostaleiro para ofrecerlles este tipo de iniciativas, que tamén serven para que a cidadanía goce de menús de lacón con grelos a prezos que van dos 20 aos 40 euros".
Este evento, organizado polo Concello, contribúe a dinamizar cada ano o Entroido na Coruña e exaltar ao mesmo tempo a riqueza gastronómica desta época. Todos os menús deberán estar elaborados principalmente con produtos galegos e de quilómetro cero. Os menús deberán estar compostos por un primeiro tradicional (sopa ou similar), a lacoada, sobremesa tradicional (filloas e/ou orellas ou postre típico do Entroido) e bebida (auga/refrescos/cervexa/adega de denominación de orixe galega).
Os establecementos que ofrezan servizo a domicilio ou recollida no local deberán ofrecer un servizo sostible con recipientes e materiais respectuosos co medio ambiente (recipientes biodegradables, bolsas de papel etc). Tamén hai establecementos que teñen ofertas especiais para grupos.
Nesta edición de Lacónicas participan: