26 de marzo de 2023
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o compromiso do Concello para ampliar o abano de destinos dispoñibles desde Alvedro, aos que se sumará a cidade italiana de Milán desde este martes 28 de marzo
Este domingo, ás 14.15 horas, aterrou en Alvedro o voo inaugural que abre camiño á nova conexión internacional entre Xenebra e A Coruña, operada por EasyJet. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo responsable de Relacións Públicas e Asuntos Públicos de easyJet no sur de Europa, Matteo Finotto, e o director xeral de easyJet Sur Europa, Javier Gándara, viaxou a bordo do avión EZS1401 que saíu da cidade helvética ás 12.00 horas de hoxe.
Coa posta en marcha desta ruta, A Coruña e Xenebra estarán conectadas todo o ano, con dúas frecuencias semanais (xoves e domingos), unha iniciativa que foi posta en valor por Inés Rey atendendo "ao vencello histórico existente entre Galicia e Suíza, onde residen máis de 41.000 galegas e galegos". Moitos deles, pertencentes a segundas e terceiras xeracións de familias galegas que emigraron décadas atrás ao país helvético.
"Ademais do vencello histórico e humano, Xenebra e A Coruña comparten valores e perspectivas de futuro. Esta nova conexión amosará o potencial turístico e económico das dúas cidades, semellantes en identidade e na súa forma de vida, por ser multiculturais e abertas ao mundo", agregou a rexedora.
O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e o director do aeroporto de Alvedro, Jesús Campo, recibiron á comitiva que viaxou no avión EZS1401.
A conexión co aeroporto de Milán-Malpensa abrirase este martes 28
Este martes 28, ás 17.15 horas, partirá de Alvedro o primeiro voo que conectará A Coruña co aeroporto de Milán-Malpensa. Desta forma, e tamén con EasyJet como operador, Galicia contará cunha conexión regular coa cidade italiana. Haberá dúas frecuencias semanais desde Alvedro (martes e sábados) durante todo o ano.
Así, Alvedro contará desde este mes de marzo con tres conexións internacionais (Xenebra, Milán e Londres). A previsión do Goberno de Inés Rey é que se sume a esta oferta, xa no segundo semestre de ano, unha nova liña co aeroporto de Ámsterdam-Schiphol, que tamén operará EasyJet.