Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de agosto de 2023

Centos de tripulantes da Tall Ships Races protagonizaron esta tarde o tradicional desfile entre os Cantóns e María Pita

A Sail Training International fixo entrega dos premios ás tripulacións dos grandes veleiros, tras a súa marcha polo centro da cidade, entre a praza de Mina e a praza de María Pita

As tripulacións da Tall Ships Races, que ata este domingo pola mañá estarán na Coruña, protagonizaron hoxe o tradicional desfile desta regata entre os Cantóns e a praza de María Pita.

Centos de tripulantes dos doce grandes veleiros que participan nesta edición deste evento náutico internacional desfilaron ante o numeroso público que se congregou pola rúas do centro da Coruña para seguir esta marcha. Unha regata que volve á Coruña, sete anos despois, e que atrae a milleiros de cidadáns e visitantes , que poden visitar os veleiros ata mañá, sábado, ademais de gozar do amplo programa de actividades musicais e gastronómicas que enchen a cidade estes días.

Son as tripulacións dos doce veleiros que participan nesta edición as que percorreron as rúas da Coruña. Con bandeira de México, e con data de botadura de 1982, o 'Cuauhtémoc' leva 258 tripulantes; o 'Capitán Miranda', (ano de botadura, 1930) bandeira de Uruguai, ten 77 tripulantes; o 'Dar Mlodziezy', de Polonia (1982), leva 162 tripulantes; por parte do 'Fryderyk Chopin' (Polonia, 1992) suman 55 persoas; pola parte do 'Georg Stage' (Dinamarca, 1934), 78 tripulantes; leva 24 o 'Atyla' (España, 1984); e 15 o 'Jolie Brise' (Reino Unido, 1913); ou 21 no 'Veracruz' (Portugal, 2000). Dende o 'Challenge Wales' (Reino Unido, 2000) participan 18 tripulantes; 12 no 'Juan de Lángara' (España, 1983); o 'Maybe' (Reino Unido, 1929), leva 18 ou os 16 do 'Stella Polare' (Italia, 1963).

Sobre as 18:00 horas remataron o percorrido polo centro da cidade e xa, na praza de María Pita, procedeuse á entrega de premios por parte da Sail Training International (STI).

O premio á chegada máis espectacular foi para o 'Cuauhtémoc' (México), así como o galardón pola tripulación máis internacional.

O 'Polar' recibiu o galardón ao barco mellor vestido en porto; o 'Vera Cruz' ao mellor desfile da tripulación clase B/C/D e o 'Cuauhtémoc' ao mellor desfile de tripulación Clase A. O premio medioambiental foi para o 'Georg Stage'.

O 'Jolie Brise' levou o premio á tripulación máis nova e na Clase C/D foi para o 'Juan de Lángara'. O galardón de Mariñeiría da primeira regata foi para o 'Capitán Miranda' (Uruguai), o segundo Clase A, para o 'Dar Mlodziezy', o terceiro Clase A para o 'Capitán Miranda' e o segundo Clase C/D para o 'Challenge Wales'.

En canto ao premio de comunicación da primeira regata foi para o 'Fryderyk Chopin'. As honras en liña da primeira regata foron para o 'Stella Polare'; o primeiro Clase A para o 'Fryderyk Chopin', o primeiro Clase B e primeiro Xeral para o 'Jolie Brise' e o primeiro clase C/D para o 'Stella Polare'. 

Dentro das actividades da Tall Ships tamén tivo lugar esta mañá, presidida pola alcaldesa, Inés Rey, a homenaxe a Artigas co traslado do seu busto á rúa Uruguay, acto ao que asistiu a tripulación do buque escola uruguayo. 

Ao mediodía houbo unha recepción oficial no Buque Escola 'Capitán Miranda', á que asistiron o concelleiro Juan Ignacio Borrego e a concelleira Diana Cabanas, coa presenza da Embaixadora de Uruguai, Teresa Ayala, coincidindo coa Festa Nacional que hoxe, día 25 de agosto, se celebra no seu país.

Os actos previstos para o sábado 26

Mañá, sábado día 26 de agosto, continúa a presenza das tripulacións da Tall Ships Races na Coruña e o programa de actividades organizado polo Concello da Coruña. Ás 11:00 horas haberá unha regata de kayaks na que participarán as tripulacións e será na zona de baño do Parrote. Entre as 11:00 e as 14:00 horas continúan no peirao de Transatlánticos as actividades infantís.

Entre as 12:00 e as 22:00 horas continúan as actividades do festival de food-trucks 'Coruñam', coa degustación de tapas, acompañadas de múltiples actividades infantís e actuacións musicais.

Ás 12:00 horas, no peirao de Transatlánticos, actuará a Asociación Coros e Danzas Eidos e entre as 12:00 e as 13:00 horas os máis pequenos poderán disfrutar de 'Un Faro de Contos' de Charo Pita.

Xa pola tarde, continuarán as actividades infantís con inchables, e ás 17:00 horas, na zona da dársena, haberá unha Gymkana Pirata e Tira da Corda para as tripulacións, coa actuación musical ás 18:00 horas da Agrupación Folclórica 'Os Gaiteiriños', a sesión infantil 'Maxia en Altamar: Mago Roman' (na cuberta do buque 'Atyla'; entrada libre con dúas sesións de 30 minutos cada unha) e ás 18:30 a actuación musical do Orfeón Herculino no peirao de Transatlánticos. 

Documentos:

Programa Tall Ships Races 2023 (2 MB)

Programación do festival de food-trucks 'Coruñam' (778 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión