Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xaneiro de 2023

A Coruña é, xunto con Málaga ou Barcelona, unha das sedes que conmemora o 50 aniversario do pasamento do artista

Inés Rey presenta en Fitur a programación da ‘Celebración Picasso 1973-2023’, con máis de 30 actos ao longo do ano

A educación na arte e a arte contemporánea serán os eixos da programación na cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes a estratexia turística da cidade na Casa de América, en Madrid, nun acto previo á presentación mañá da oferta turística da Coruña en Fitur. Entre as principais novidades anunciadas atópase a programación completa da 'Celebración Picasso 1973-2023', que contará con máis de 30 actividades ao longo do ano na Coruña.

A cidade será unha das sedes, xunto a Málaga, Barcelona, Madrid e Bilbao, da conmemoración do 50 aniversario do falecemento do artista. "A Coruña recupera este 2023 o seu espazo como cidade picassiana para amosar ao mundo toda a súa fortaleza xunto a un símbolo universal que tamén o é da cidade: Pablo Ruiz Picasso", sinalou Inés Rey. 

Picasso viviu na Coruña entre 1891 e 1895, dos 9 aos 13 anos. Esta foi unha estadía clave na súa formación como artista, xa que desta época datan as súas primeiras pinturas e as súas primeiras exposicións. Os actos procuran non só reivindicar a cidade como eixo da influencia na arte de Picasso, senón poñer o foco na importancia da educación nas artes a temperá idade. "Picasso captou e deixouse influír para sempre por aquel bravo e á vez elegante paisaxe que atopou na Coruña. Debemos, por tanto, pensar na súa obra non só como mediterránea, senón tamén como atlántica", sinalou Inés Rey.

A programación está formada por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, que se desenvolverán de febreiro a decembro na cidade. Un dos actos principais será a exposición 'Picasso branco no recordo azul', que se poderá visitar no Museo de Belas Artes de marzo a xuño e que promoven o Concello e a Xunta de Galicia. O Quiosco Alfonso tamén será unha das sedes desta homenaxe coa mostra 'En pretérito seguinte', na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe.

Outro dos escenarios centrais será a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí haberá tres actividades repartidas ao longo do ano. Por unha banda, a exposición 'Abrindo a nosa colección', que se dividirá en tres etapas (de decembro a xaneiro, de febreiro a abril e de agosto a outubro) e amosará documentos e obras que forman parte da colección e arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa. A partir do 28 de abril e no contexto da programación do Encontro Mundial de Humoristas 2023, levarase a cabo a mostra 'O Guernika, unha viñeta universal - Humor na escuridade'. Por último, a exposición 'A miña casa' estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña Gráfica en homenaxe a Pablo Picasso.

Por outra banda, a Fundación Luís Seoane realizará dúas importantes actividades do programa. En abril, o terceiro Congreso Internacional de Arte e Educación centrará a súa edición deste ano no artista. Entre outras cuestións, analizaranse os eixos temáticos que o vinculan á arte española e as ferramentas da súa creación que son útiles para a educación artística. Haberá tamén na Luís Seoane o ciclo de conferencias 'Protagonistas', no que se falará de musas, amantes, modelos e investigadoras arredor do universo de Picasso. Será unha sesión ao mes de febreiro a outubro e o seu obxectivo será amosar o papel fundamental da muller na obra do artista.

Outra exposición en homenaxe a Picasso será 'Pablo Ruiz en mi', de abril a maio en Palexco, do artista cubano Nelson Villalobo. A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a 'Torre de Caramelo', denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules.

"Grazas a esta celebración e ao resto da programación cultural do 2023, A Coruña conta con todo o necesario para consolidarse como unha gran capital europea a nivel cultural e como destino internacional de referencia e imprescindible", sinalou Inés Rey durante a súa intervención en Fitur.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión