#LunsDeEncontros nace co obxectivo de lle ofrecer un espazo cultural aberto á cidadanía, cedendo un lugar para o desenvolvemento de actividades de promoción lectora, formación e aprendizaxe.
Para público en xeral
19/05/2025
Xa rematou
Acceso libre até completar capacidade
De 19.00 h. a 20.00 h.
Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano. Rúa Río Monelos 1. 15006 A Coruña
Tel.: 981 184 298
O luns 19 de maio ás 19 h., na Biblioteca Fórum Metropolitano, temos a presentación do libro "Nao cetácea" de Xosé Iglesias, publicado pola Editorial Canela.
Organizado pola AVV Oza, A Gaiteira e Os Castros.
SINOPSE:
Nao cetácea é un achegamento visual, poético e narrativo aos nosos mares, ao patrimonio marítimo e a biodiversidade mariña do litoral, con especial énfase no mundo dos cetáceos, eses seres míticos que de novo volven aproximarse ás rías galegas.
Un libro de acuarelas realizadas por un patrón de pesca-mariñeiro galego, nas que os barcos se transforman nos seres que conforman o seu espírito, mesmo nos peixes que capturan. Unha homenaxe ao mar, aos devanceiros e aos mariñeiros que faenaron e traballan cada día nesta costa atlántica e cantábrica.
En formato de 235 x 185 mm, 120 páxinas, tapa dura, impresión offset cosida e en edición limitada, contén 61 acuarelas a cor que van acompañadas de textos e poemas do seu autor Xosé Iglesias, de Francisco Fernández Naval e de Manuel Rivas, que nos levan nunha viaxe transcendente entre Porto do Son e Irlanda.
XOSÉ IGLESIAS (1974):
Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974) é capitán de pesca-mariñeiro e poeta co cerne no mesmo Atlántico salvaxe da Costa da Morte. O mar é a súa profesión dende sempre e nos últimos 20 anos traballa a bordo do seu pesqueiro de baixura, o Primero Villar. Xusto dende a perspectiva da ponte deste pequeno navío é onde Xosé mestura a palabra coa paisaxe, co traballo, con eses horizontes presos a toda inclemencia meteorolóxica. O mar narrado en figuras poéticas dende o mesmo mar. Dende a liberdade de hipotecar sempre o noso destino ao vento.
No ano 2014 sae á luz o seu primeiro poemario mariñeiro, Transfusión oceánica, que publica na editorial Caldeirón. No 2016 é galardoado na novena edición dos Premios de poesía Victoriano Taibo por A relixión do mar e nese mesmo ano colabora con Editorial Canela, formando parte do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, no libro Aldeas sen voz do fotógrafo cántabro Vicente Ansola.
Ademais de poeta tamén é acuarelista autodidacta. En 2020 publica o seu primeiro álbum ilustrado, Nación Mar, un salto da poética escrita á poesía visual. No 2022 publica dous poemarios, Luces da Costa da Morte e Atlántico Norte, chamádeme Ismael e no mes de setembro dese ano inaugura Cetácea, a súa primeira escultura oceánica, unha homenaxe en forma de faro e baleas en madeira a todo ese mundo arredor dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas.
Agora, co seu novo fillo: Nao cetácea, arranca un tempo de colaboración coa Editorial Canela, que abre unha nova liña editorial dentro do mundo do libro ilustrado.
Tamén che pode interesar