Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

4 de xuño de 2025

Máis de 3.000 persoas gozaron da 8ª edición do festival RESIS, referente internacional da música contemporánea

A programación desta edición reuniu a grandes nomes da escena internacional e contou cunha destacada resposta do público

O Festival RESIS de música contemporánea, apoiado polo Concello da Coruña, pechou este pasado 31 de maio a súa 8ª edición consolidando o seu papel como unha das citas imprescindibles da creación sonora actual. Cun programa que homenaxeou aos compositores Wolfgang Rihm e Helmut Lachenmann, RESIS 2025 reuniu ao longo de varias semanas nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Madrid a artistas e formacións de prestixio internacional, así como a un público fiel que volveu esgotar as entradas dos concertos. 

Nesta ocasión, o festival contou coa participación de artistas e formacións de referencia como Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, a Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia ou a Banda Municipal de A Coruña..Tamén estiveron presentes directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo; solistas como Virginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot; o creador de metasistemas Rubén Panete e artistas como Raquel Buj.

Un dos fitos máis destacados desta edición foi a selección do Festival RESIS como proxecto artístico destacado pola prestixiosa Fundación Ernst von Siemens. "Este recoñecemento internacional supón un impulso fundamental ao noso traballo, e reafirma a nosa aposta por un festival que, desde Galicia, conecta coa vangarda musical a nivel mundial", destaca Hugo Gómez-Chao, director do RESIS.

Novo éxito de público e crítica

Esta edición de RESIS volveu suscitar o interese da crítica especializada, con máis de 70 referencias publicadas en medios de comunicación e confirmando o prestixio do festival a nivel internacional. Ademais, máis de 3.000 persoas gozaron dos concertos desta 8ª edición, que volveu atraer a un público fiel e ávido de novas propostas musicais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en