31 de marzo de 2024
Unha estará orientada ao público xeral e outra adaptada ao público infantil
O Concello da Coruña pon en marcha dúas novas guías turísticas con contido interactivo e dixital orientadas á divulgación e a promoción dos recursos naturais e ambientais do litoral municipal da Coruña. O Goberno de Inés Rey avanza así na transformación dixital dos recursos turísticos inciada o pasado mandato, no marco do plan 'A Coruña, Sostible e Dixital'.
A primeira das guías estará dedicada a un público xeral mentres que a segunda estará orientada a un público infantil, con contidos adaptados e deseñados para os máis pequenos e pequenas. Para ambas adaptarase o material gráfico existente, actualizando información e dotando de contidos adicionais de carácter multimedia. Incluiranse tamén ligazóns a diferentes páxinas web, publicacións e outros recursos educativos dispoñibles no ámbito da educación ambiental.
Cada unha das guías disporá de catro versións diferentes en función da estación do ano, adaptando parcialmente os seus contidos ás características propias desa época. Estarán dispoñibles en castelán, galego, portugués e inglés para ambas guías, ademais da versión audiodescriptiva en castelán e galego. Ademais, de acordo co proxecto e para aumentar a interactividade, colocaranse novos códigos QR en emprazamentos singulares do litoral coruñes, que permitan o acceso directo ás guías e complementar a visita.
O proxecto conta cun orzamento de 14.641 euros subvencionados ao 90% con fondos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Enmárcase na liña de axudas de Turismo de Galicia para a transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral, solicitada polo Concello da Coruña para a posta en marcha do proxecto.
Oito bloques de contidos
Os diferentes contidos que deberán incorporarse á guía dixital ambiental do litoral coruñés estrutúranse en oito bloques independentes. Estes son:
Análise xeomorfolóxico e climatolóxico do litoral coruñés
Historia da costa coruñesa
O litoral como fonte de riqueza
Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules
Espazo Natural de Interese Local das illas e o litoral de San Pedro
Especies vexetais e animais
Descrición das diferentes praias e calas existentes no termo municipal
Riscos medioambientais e precaucións a considerar