Declarada Festa de Interese Turístico Internacional desde o ano 2015, San Xoán é, posiblemente, a celebración máis querida por todos os coruñeses e coruñesas.
A tamén chamada noite máis máxica do ano ten lugar do 23 ao 24 de xuño e é tradición reunirse en praias, barrios ou parques con amigos e familiares para celebrar a chegada do período estival. Así, entre sardiñas, pan de broa, churrasco e, por suposto, moita música e alegría, os coruñeses e coruñesas deixan atrás a mala sorte e brindan por un verán único.
Pero a celebración de San Xoán é moito máis que reunións entre amigos ou familiares e a degustación de sardiñas; por iso che deixamos a continuación os nosos plans para que goces do auténtico San Xoán coruñés.
1. Visitar os areais de Riazor, Orzán e Matadoiro
San Xoán é unha festa que se celebra en cada recuncho da cidade, aínda que as praias de Riazor, Orzán ou Matadoiro son os puntos de encontro preferidos polos miles de visitantes que se enchen estes días A Coruña.
Camiñar polo paseo marítimo para ver como os máis novos fan cola para recoller madeira para a fogueira, ver a familias con nenos organizando a súa particular cea; gozar dun atardecer vibrante mentres o ocaso se vai achegando e as luces da cidade se van predendo ou divisar na medianoite centos de fogueiras acesas sobre as que os máis atrevidos saltan son algúns dos alicientes que chaman ao turista para vivir o noso San Xoán.
Pero tamén che recomendamos que che pases por algún barrio ou praza da cidade, onde poderás degustar as sardiñas asadas nun ambiente máis familiar ou bailar ao ritmo da música dalgún concerto en directo.
2. Saltar unha lumarada (ou mesmo facer unha propia)
A tradición marca que é necesario saltar unha fogueira un mínimo de tres veces para espantar as enerxías negativas e escorrentar os malos espíritos.
Nas praias haberá centos de lumaradas nas que poderás saltar aínda que tamén poderás facer a túa propia grazas aos puntos de entrega de madeira gratuíta que pon ao dispor o Concello ao longo dos areais. Pero ollo!, xa que está prohibido o uso de combustibles ou madeira con cravos e puntas.
3. Ver a queima da falla
A falla de San Xoán homenaxea cada ano a actualidade da Coruña a través dunha escultura que representa diferentes rostros e motivos recoñecibles para os seus residentes.
Situada na praia de Riazor, este ano será un gran polbo o que presidirá a falla xunto a unha meiga. Tamén haberá homenaxes a varios fitos deste último ano, como o Premio Nacional de las Letras Españolas do escritor coruñés Manuel Rivas, o ascenso do OAR Coruña de balonmán ou o recoñecemento ás cantareiras no Día das Letras Galegas. Non faltarán elementos emblemáticos da cidade como a Torre de Hércules.
A falla queimarase ás 00:00 horas e aínda que antes xa poden verse moitos fachos nos areais, é a partir deste intre cando as fogueiras se acenden e se deixan arder ata amencer.
4. Goza dos fogos de artificio
Ás doce da noite chega un dos momentos máis esperados do San Xoán: o espectáculo de fogos artificiais. Un show de luces e formas coa que arrinca unha noite de festa ata o amencer.
Sen dúbida, ver os fogos desde os areais urbanos de Riazor, Orzán ou Matadoiro é unha magnífica opción, aínda que tamén é máxica a vista que se ten desde a zona da DOMUS ou desde o Monte de San Pedro.
5. Concerto gratuíto ao aire libre
Música na praia, nos barrios, nos bares e tamén na chaira do Palacio dos Deportes de Riazor. Esta localización acolle desde hai uns anos concertos de grandes artistas ou grupos nacionais que se poden gozar de forma gratuíta.
Este ano, haberá dúas actuacións musicais coa coñecida banda La Guardia (ás 0.20 horas) e Hey Kid (ás 1.50 horas).