26 de agosto de 2023
Ás 12.00 horas de mañá comezará a cerimonia de despedida tras varios días de actividades na Coruña
A cidade da Coruña vive o final de estadía da Tall Ships Races Magallanes-Elcano, cunha ampla programación de actividades culturais, gastronómicas e de lecer que se desenvolverán ata finais desta tarde entre o peirao de Transatlánticos e o paseo do Parrote. Os doce veleiros que participan neste evento náutico internacional continúan na cidade, con actividades a bordo e visitas de numeroso público. Mañá, domingo 27, partirán rumbo a Lisboa, continuando coa travesía.
A despedida será ao mediodía. Ás 12.00 horas de mañá terá lugar o acto de despedida dos 12 grandes veleiros. A partida dos buques poderase divisar dende varios puntos da cidade, desde o Parrote e o Castelo de San Antón ata a Torre de Hércules ou o Monte de San Pedro. Xa ás 13.00 horas, e como é habitual na partida da Tall Ships desde a cidade, as embarcacións levarán a cabo a tradicional parada de vela fronte ao buque das autoridades.
Hoxe é a última xornada na que se habilitan as visitas do público ao circuíto de acceso ao peirao de Transatlánticos (ata as 00.00 h) e aos propios veleiros (ata as 20.00 horas de hoxe).
Festival de furgóns de comida ou food-trucks 'Coruñam'
Tanto hoxe como mañá estará aberto ao público o festival de furgóns de comida ou food-trucks 'Coruñam', no que a cidadanía poderá asistir a sesións de cociña creativa, concertos e espectáculos de demostracións culinarias ou showcooking. A concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas, visitou ao mediodía as instalacións dispostas no Parrote, e convidou "as coruñesas e coruñeses, así como as persoas viaxeiras que estes días nos acompañan a gozar das actividades programadas neste festival, que implican a establecementos hostaleiros de prestixio e que poñen en valor a gastronomía local". Centos de persoas achegáronse esta mañá á contorna do Parrote para vivir, por exemplo, a experiencia de showcooking do chef Adrián Felípez, do restaurante Miga. Esta noite, e como fin de festa para a xornada, actuará a banda 'The Cruze'. Do mesmo xeito que o resto de actividades previstas polo 'Coruñam', a asistencia á actuación será gratuíta.
Mañá, demostracións culinarias ou showcooking cos chefs do restaurante Terreo Cocina Casual
Xa mañá, domingo 27, A Coruña diralle adeus a esta edición do festival 'Coruñam' con actividades xa dende o mediodía. En dúas quendas, das 12.00 ás 14.00 e das 18.00 ás 20.00 horas, as persoas asistentes poderán gozar da 'Cociña con Superthings'. En paralelo, das 12.00 ás 21.00 h, habilitarase unha zona de xogos infantís. Tamén á vez, ás 12.00 horas, haberá un novo espectáculo de showcooking con Kike Vázquez e Ana Señarís, do restaurante Terreo Cocina Casual. E ás 14.00 horas, a banda de José Brea actuará en concerto. A cita gastronómica é unha das moitas actividades organizadas polo Goberno de Inés Rey para completar a programación da Tall Ships.
Tamén este sábado a concelleira Diana Cabanas lle agradeceu ao persoal da organización, asistencia e voluntariado da Tall Ships Races 2023 o seu traballo, e destacou "o seu simbolismo, porque o traballo e compromiso do voluntariado representa exactamente o espírito da Tall Ships, o da solidariedade e cooperación internacional", dixo tras a foto de familia co grupo. Un total de 112 persoas, de entre 18 e 65 anos, conforman o equipo de asistencia coordinado a través do Servizo municipal de Deportes co apoio da Asociación Juan de Lángara, con 87 voluntarias e voluntarios e 25 oficiais de enlace que, dende o pasado xoves, colaboran para apoiar as tripulacións e facilitar información ás e aos visitantes no peirao de Transatlánticos.