Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de maio de 2023

Un total de 14 establecementos e empresas da Coruña optan ao selo de calidade turística SICTED

Hoxe constituíuse a Mesa de Calidade de Turismo da Coruña, con representantes do Consorcio e do sector turístico

Un total de 14 empresas e establecementos turísticos da Coruña optan ao selo de calidade turística SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) tras pasar as avaliacións iniciais da Mesa de Calidade de Turismo da Coruña. O selo SICTED púxose en marcha hai seis meses para o Destino A Coruña por parte do Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade. A Mesa de Calidade de Turismo da Coruña constituíuse esta mañá e reuniuse por primeira vez.

Suman un total de 47 as empresas e servizos turísticos da Coruña adheridos e comprometidos a participar no proceso de asignación desta distinción de calidade. Dos 47 que se incorporaron ao proceso neste período, 14 logran as avaliacións positivas tras as valoracións da Mesa de Calidade de Turismo da Coruña e optan a recibir o selo SICTED no próximo Comité Interdestinos, previsto para o próximo día 15 de xuño en Madrid. Este comité reúnese cada seis meses (xuño e decembro).

A mesa, reunida hoxe baixo a presidencia do Concelleiro de Turismo (e primeiro tenente de alcaldesa), Juan Ignacio Borrego, valorou de maneira "moi positiva" o primeiros seis meses de desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino. Compoñen a Mesa de Calidade de Turismo da Coruña, ademais de Juan Ignacio Borrego (presidente da mesa), Héctor Cañete, presidente dela Asociación de Hostalaría da Coruña, Agustín Collazos, presidente de Hospeco, José Blanco, presidente da Coruña Convention Bureau, Eduardo Guillén, profesor da Universidade da Coruña (UDC) e Moisés Jorge Naranjo, xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña (secretario da mesa).

As empresas e servizos públicos que superaron as avaliacións que están propostos para recibir a distinción en xuño en Madrid son, na categoría de Hoteis e Apartamentos Turísticos, o Hotel Attica21 Coruña e o Hotel Riazor. Na modalidade de Museos e Centros de Interese Turístico Visitables: o Centro de Interpretación e Atención á Visitante-Oficina de Turismo; Mega Mundo Estrela Galicia; Museos Científicos Coruñeses e Torre de Hércules.

No apartado de Restaurantes e Empresas de Cátering consta o Restaurante Eclectic e no ámbito de Espazos para turismo e reunións: ExpoCoruña, así como A Coruña Convention Bureau na área de Convention Bureaux. En Experiencias e Talleres Turísticos aparece Pencil&Fork e en Atracada de Cruceiros e Ferries, Rubine e fillos. No capítulo de Axencias de Viaxes consta Viaxes Embaixador e en OPCs, Global Azaga.

Xestión da calidade

O distintivo do "compromiso de calidade turística" recoñece o esforzo realizado polas empresas e os servizos turísticos participantes para cumprir con todos os requisitos establecidos na metodoloxía e acredita o compromiso de calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao servizo turístico cun plus de calidade no panorama nacional e internacional.

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado do Turismo (SETUR), co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con Servizos Turísticos de 36 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista. Turismo da Coruña sumouse como destino SICTED o 22 de novembro de 2022.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión