Concello da Coruña

Concello da Coruña

Xardíns de Méndez Núñez

Os xardíns de Méndez Núñez son a sala de estar da Coruña. Aquí vén a pasear, a descansar baixo a sombra das árbores, a participar nas actividades que se celebran durante o verán, a dar paseos en bicicleta ou a gozar dunha cómoda e bonita ruta a pé entre A Mariña e a praza de Ourense.

Son uns xardíns cheos de historia e case o primeiro que ven os visitantes que chegan á Coruña por coche ou por barco. Un punto de encontro e quedada para moitos coruñeses e un lugar no que deixarse sorprender polo conxunto de esculturas, a maior colección da cidade, que se esconden entre as árbores e que son unha homenaxe a personaxes destacados da literatura, as artes, as ciencias e a vida galega.

Os xardíns construíronse no ano 1868 no terreo gañado ao mar. Nese momento coñecíanse como os Xardíns do Ensanche. Tres anos despois, foron rebautizados co nome do mariño Casto Méndez Núñez. Desde entón, formaron parte da vida dos coruñeses. Son moitos os que aínda lembran as quedadas e camiñadas ao longo do paseo das palmeiras, unha das zonas máis destacadas de Méndez Núñez.

Igual de simbólico e un dos espazos máis queridos deste xardín é o estanque central e a súa fonte, que leva sendo escenario fotográfico dos coruñeses desde que empezou a fotografía hai máis de 150 anos. A través deste arquivo de imaxes nos xardíns case se pode ver a evolución dos coruñeses e a súa estética. Hoxe, con móbil en man, aínda son moitos os que deciden levar de recordo da Coruña unha bonita foto diante do estanque.

Paseo das Palmeiras

A ruta polos xardíns arrinca no paseo das palmeiras, xunto a dous preciosos edificios modernistas que forman parte da postal dos xardíns: o Quiosco Alfonso , unha xoia de 1912 e escenario de exposicións ao longo de todo o ano e sede de Viñetas do Altántico (o coñecido salón do cómic que se celebra en agosto na Coruña), e A Terraza, construído en 1922 e actualmente sede de RTVE e RNE na cidade. Aquí tamén espera outro espazo moi querido polos coruñeses: o Copacabana, unha cafetería recentemente reformada, punto de encontro para tomar un respiro despois dun paseo polos xardíns. Pero se hai algo polo que é famoso o paseo das palmeiras é polo impresionante monumento en homenaxe a Curros Enríquez, un dos grandes da literatura galega. O monumento foi creado polo recoñecido artista galego Francisco AsoRey entre 1928 e 1934.

Máis esculturas que forman parte deste paseo son o monumento a Daniel Carballo; o monumento ao Libro e aos seus creadores, de Manuel García Buciños; a escultura a Suárez Ferrín e de Ramón María do Val Inclán, realizadas por Ramón Conde, ou o monumento a Wenceslao Fernández Flórez, de José Castiñeiras Igrexas. Outra obra curiosa, e unha das máis recentes, é a escultura en homenaxe a John Lennon, que espera escondida entre os árbores fronte ao paso de peóns que leva aos Cantóns.

A zona arborizada

Despois do paseo das palmeiras, e en dirección cara á praza de Ourense, espera a zona arborizada dos xardíns. Esta marabilla de bosque urbano está repleto de especies de todo o mundo. Entre as árbores máis simbólicas do parque están os metrosideros. Hai máis variedades para dar a volta ao mundo a través da natureza: o ciprés de Xapón, o piñeiro de Norfolk, o acivro ou a haxa de folla rosa son máis variedades que esperan en Méndez Núñez. Tamén nesta zona pódense descubrir máis marabillas escultóricas como o monumento a Emilia Pardo Bazán, unha xoia de Lorenzo Coullaut Varela ou o simbólico monumento a Concepción Arenal, de Rafael González do Villar. A colección de esculturas complétase co monumento a Castelao, de Manuel Ferreiro Badía; o monumento a Manuel Murguía de Fernando Cortés Bugía; a escultura a Juan Fernández Latorre, de José Escudeiro; o monumento conmemorativo ao Ano Internacional do Neno, de Mon Vasco; ao doutor Hervada, de José Escudeiro; Themys e Baco e ao Pescador Napolitano, de Felipe de Moratilla; a Eduardo Pondal, de Fernando Cortés Bugía e a Aureliano Linares Rivas, de Agustín Querol.

Méndez Núñez finaliza nunha preciosa rosaleda: inspirada nos xardíns ingleses, con diferentes variedades de rosas que enchen de cor o centro da cidade.

Vida cultural

Os xardíns son tamén importantes polas actividades culturais que se celebran ao longo do ano. No verán convértese en berce de artesáns e de libreiros a través de feiras como Mostrart ou a Feira do Libro. Tamén é un espazo para concertos ao aire libre, para grupos de baile ou para a organización e goce de pasarelas de moda.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión