Obradoiros de verán 2025. Museo Arqueolóxico Castelo de San Antón e Castro de Elviña
Infancia, Para público en xeral
Os días 20/06/2025, 05/07/2025, 12/07/2025, 26/07/2025, 02/08/2025, 09/08/2025, 23/08/2025, 30/08/2025, 19/07/2025, 16/08/2025
Apertura do prazo de inscrición: mércores 25 de xuño, ás 10.00 h
Castelo de San Antón. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 2, Bloque A. 15001 A Coruña
Todas as actividades son gratuítas, tras a previa inscrición nas ligazóns indicadas en cada unha delas.
Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, A Coruña
981 189 850
museo.arqueoloxico@coruna.gal
OBRADOIROS DE VERÁN 2025
MUSEO ARQUEOLÓXICO CASTELO DE SAN ANTÓN E CASTRO DE ELVIÑA
Horario: 12.00 h
Duración: 1,5 h
Público: 6-12 anos.
Prazas: 20 por actividade
15 no obradoiro familiar do Museo (nos obradoiros familiares só poderá asistir unha persoa adulta por cada nena/o).
Apertura do prazo de inscrición: mércores 25 de xuño, ás 10.00 h
Reserva nas ligazóns de tícketing indicadas a continuación de cada actividade.
SÓ SE PODERÁ REALIZAR A INSCRICIÓN NUN MÁXIMO DE 2 ACTIVIDADES POR NENA/O.
Recomendacións: roupa e calzado cómodos, gorra, botella de auga e protección solar (as actividades serán ao aire libre).
ACTIVIDADES NO MUSEO
Sábado 5 de xullo: ECOPRINT
Viaxamos ao pasado para descubrir os tecidos da Prehistoria e a súa evolución ata época romana. Que materias primas e ferramentas empregaban? Como producían as tinguiduras? Estas e máis preguntas serán resoltas no transcurso da actividade. Para finalizar, experimentaremos coa técnica do ecoprint transferindo as cores das flores aos tecidos, para fabricar o noso propio pano.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/ecoprint/
Sábado 12 de xullo: A ARTE DO REPUXADO
Achegarémonos aos tesouros escondidos no interior das vitrinas do museo para descubrir unha técnica milenaria, o repuxado. Coñeceremos os obxectos que foron producidos no pasado utilizando esta técnica e falaremos das súas características. Materiais, ferramentas e moita imaxinación para poder facer tamén nosa propia creación artística, que poderemos levar á casa.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/repuxado/
Sábado 26 de xullo: ROMPECASBEZAS NO CASTELO
Actividade dinámica para descubrir as pezas e os lugares máis curiosos que alberga o Castelo de S. Antón. A través de xogos clásicos grupais, conseguiremos atopar os tesouros do pasado e descubrir a súa historia. Quen os fixo? Para que se utilizaban? De que material son? Estas e máis preguntan serán resoltas ao longo dunha divertida ruta polo museo.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/quebracabezas/
Sábado 2 de agosto: COPISTAS MEDIEVAIS
Neste obradoiro, descubriremos os segredos da escritura e como evolucionou ao ancho da historia, desde as primeiras representacións artísticas do Paleolítico, ata a formación dos scriptoriums na Idade Media. Converterémonos en escribas medievais usando os útiles do pasado para practicar caligrafía medieval e iluminando unha letra.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/copistas/
Sábado 9 de agosto: XOGANDO Á ROMANA
Proposta dinámica para coñecer en primeira persoa os xogos máis comúns da antiga Roma. Poñerémonos no papel das nenas e nenos do pasado para descubrirmos que algúns xogos actuais que xa existían entón, e probaremos a nosa destreza e sorte para tratar de superar algúns deles. Por último, traballaremos na creación dun tres en raia que levaremos a casa.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/xogos/
Sábado 23 de agosto: PENSAR COAS MANS
A cerámica é, sen ningún tipo de dúbida, un dos grandes avances da Prehistoria. Achegarémonos ás súas orixes para descubrirmos os diferentes usos e tamén a evolución das técnicas para a súa produción. Xa por último, observaremos os restos conservados na exposición do museo para falar da decoración e das formas e utilizalas como referencia para crear, despois, o noso cacharro castrexo.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/mans/
Sábado 30 de agosto: ARTISTAS OURIVES. OBRADOIRO FAMILIAR
Esta actividade en familia permitiranos coñecer o gusto polo adorno corporal desde a Prehistoria. Centrarémonos na colección do Museo de San Antón para descubrir non só as xoias máis comúns, senón tamén os materiais máis utilizados. Para finalizar, as nenas e nenos, axudados por un/unha familiar adulto/a, realizarán un torques castrexo.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/orfebrefam/
ACTIVIDADES NO CASTRO DE ELVIÑA
Sábado 19 de xullo: TESOURO DE ELVIÑA. OBRADOIRO FAMILIAR
O castro de Elviña será o noso campo de investigación, para descubrirmos, mediante un xogo de pistas, os lugares secretos do xacemento e cazar o Tesouro de Elviña. A través de réplicas arqueolóxicas, achegarémonos, en familia, á vida na Idade de Ferro, que lle permitirá ao grupo participante poñerse na pel do pobo ártabro.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/elvinafam/
Sábado 16 de agosto: ARQUEOLOXÍA EN ACCIÓN!
A través dunha escavación simulada, as e os participantes poderán achegarse ao traballo dos/as arqueólogos/as e descubrir obxectos vinculados co xacemento de Elviña para coñecer as formas de vida das persoas que habitaron o castro. Faremos un pequeno percorrido polo xacemento para coñecermos as estruturas que foron quedando á vista tras as diferentes campañas de escavación.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/arqueo/