Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

5 de outubro de 2023

A xestión do turismo dunha forma sostible e a procura da participación real da cidadanía na preservación do Patrimonio foron os temas centrais da primeira parte deste evento

A Coruña acolle hoxe a primeira das xornadas técnicas da Alianza de Paisaxes do Patrimonio Mundial

A Torre de Hércules é a anfitrioa desta cita que forma parte da axenda cultural da presidencia española do Consello da UE

Poñer en valor os elementos e recursos que conforman o Patrimonio Mundial e saber xestionalos dunha forma eficaz, sostible e facendo partícipe á cidadanía. Este é o tema principal sobre o que versan as xornadas técnicas da Alianza de Paisaxes do Patrimonio Mundial que deron inicio na mañá de hoxe e que continuarán durante toda a tarde e tamén mañá, venres, na Fundación Luís Seoane.

'Paisajes y sitios. Participar para convivir' é o nome deste evento no que expertos nacionais e internacionais en patrimonio se reúnen na Coruña para poñer sobre a mesa a necesidade de ser conscientes de que o turismo, e a forma de vivilo ou experimentalo, evolucionou nos últimos anos e é necesario actuar desde as entidades, administracións e cidadanía para protexelo e facelo sostible no tempo.

A Torre de Hércules, Patrimonio Mundial da UNESCO desde 2009, é a anfitrioa desta convención que se enmarca na axenda cultural da presidencia española do Consello da UE e que conta co apoio do Concello da Coruña e o Consorcio de Turismo e Congresos. Tamén colaboran o Ministerio de Cultura e Deporte, a Deputación da Coruña e a Alianza de Paisaxes Culturais e Sitios Afíns ao Patrimonio Mundial.

Un turismo de calidade, non de cantidade

A xornada deu comezo coa necesidade de crear conciencia sobre un turismo máis sostible co medio ambiente, máis participativo, educativo e, por conseguinte, máis cultural. De feito, a base desta primeira xornada é a xestión do turismo cun plan eficaz e que teña en conta a opinión de todos os actores participantes.

Un turismo que non pode basearse na cantidade de visitantes que visitan unha cidade ou recurso arquitectónico, senón na calidade deses turistas que coñecen, ou queren coñecer, os elementos patrimoniais dun lugar debido á súa propia historia.

Unha opinión compartida pola primeira relatora, Myriam Ugarte, que acudiu por parte do Ministerio de Cultura e Deporte, e Alicia Castelo de ICOMOS, quen destacou as dimensións que conforman o Patrimonio Cultural (a científica técnica, a política administrativa e a social) e a necesidade de saber cal é a percepción que teñen os cidadáns sobre o seu Patrimonio e se é preciso crear unha identidade entre unha comunidade e o propio Patrimonio.

A primeira parte da xornada finalizou ao mediodía coa intervención de Maral Kekejian, comisaria do programa cultural da Presidencia española do Consello de Europa, quen volveu incidir na identidade do territorio.

Kekejian centrou o seu relatorio nos diferentes proxectos postos en marcha desde a Unión Europea a través da dimensión dixital e as redes sociais para construír un relato moderno do patrimonio e así chegar verdadeiramente á xente e que poida sentirse identificada co mesmo. Un exemplo diso é o proxecto 'Raíces vivas. Patrimonio inmaterial europeo', un arquivo audiovisual sobre algunhas tradicións españolas ou 'pUEente: encontros ilustrados', un traballo onde a cultura e historia dun lugar transmítese a través da ilustración ou cómic.

Pola tarde intervirán o Dr. Xavier Simón, secretario do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), a Pfra. Dra. Iría Caamaño, da Universidade da Coruña ou Manuel Rodríguez López, director da Fundación Ría.

Asistencia gratuíta

A asistencia aos relatorios e mesas redondas é gratuíta, debendo cubrirse previamente un formulario de inscrición que se pode atopar nas redes sociais da Torre de Hércules. A capacidade é limitada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en