25 de marzo de 2023
Xenebra e Milán amplían o abano de conexións internacionais dispoñibles desde o aeroporto coruñés
A alcaldesa, Inés Rey, presentou este sábado en Xenebra (Suíza) a oferta turística e cultural da Coruña, unha iniciativa formulada desde o Concello co obxectivo de dar a coñecer a nova conexión aérea entre a cidade helvética e o aeroporto de Alvedro, en marcha desde o domingo 26 de marzo, operado por EasyJet.
O sábado pola mañá Inés Rey reuniuse co vicealcalde da cidade suíza, Alfonso Gómez. No encontro abordaron a importancia da nova conexión aérea entre ambas as cidades e as posibilidades que abre tanto para a promoción turística como para as relacións laborais.
A Coruña xa se está promocionando en Xenebra a través dunha campaña nos tranvías. "A nova conexión aérea, ademais de ampliar a oferta de destinos internacionais xa existente en Alvedro, achega aínda máis a Suíza a Galicia, xa vinculadas historicamente", valorou a rexedora. Neste sentido, Inés Rey apuntou á forte presenza de galegos en Xenebra, onde se atopa o centro galego máis antigo de Suíza. "A disposición da conexión aérea con Alvedro tende unha nova ponte coas súas orixes", agregou a alcaldesa.
Ademais, Inés Rey e Alfonso Gómez puxeron en común as diversas iniciativas que comparten as dúas cidades en termos de mobilidade, humanización dos espazos públicos e aposta polo medio ambiente. Ambos coincidiron na necesidade de dar continuidade a medidas como a aposta pola bicicleta como medio de transporte alternativo e a ampliación das áreas verdes, como unha vía adicional para loitar contra o cambio climático.
Encontro coa comunidade coruñesa en Xenebra
Tras esta reunión no Palais Anna et Jean-Gabriel Eynard, o Kiosque des Bastions acolleu na tarde do sábado a presentación da nova conexión aérea entre Alvedro e Xenebra, acto no que Inés Rey estivo xunto dunha nutrida representación da comunidade coruñesa na cidade suíza.
Ademais da alcaldesa da Coruña, asistiron a embaixadora de España en Suíza Celsa Nuño, o cónsul xeral de España en Xenebra, Alberto Navarro, e o director xeral de Easyjet España, Javier Gándara, acompañado polo director de Programación Internacional da aerolínea, Mateo Finotto. Ao encontro asistiron tamén, entre outros, David Rey e Alicia Niño, coruñeses pertencentes á Misión Permanente de España ante a ONU, e Carmen García e Antonio Pena, da Asociación de Pais Españois en Xenebra.
O primeiro voo entre Xenebra e Alvedro, o domingo 26
A saída do voo inaugural procedente de Xenebra (Easyjet EZS1401) tivo lugar o domingo 26 de marzo. Xunto á alcaldesa viaxou o director xeral de Easyjet España, Javier Gándara.
A Coruña e Xenebra estarán conectadas todo o ano, con dúas frecuencias semanais (xoves e domingos). "O Aeroporto Internacional de Xenebra é o segundo máis importante de Suíza, cun tráfico anual que rolda os 18 millóns de pasaxeiros. E o noso obxectivo é seguir traballando para aumentar as liñas e frecuencias de Alvedro, que xa conecta A Coruña con, por exemplo, Londres, e situar a cidade como destino turístico e devolvéndolle o seu lugar no mapa con rutas aéreas á altura das grandes urbes de Europa", apuntou Inés Rey .
Á de Xenebra súmase outra nova conexión desde Alvedro coa cidade italiana de Milán, tamén a través de Easyjet e operando todo o ano os martes e sábados. É a primeira vez que Galicia ten conexión regular co aeroporto de Milán-Malpensa.